9 de dec. de 2014

Algunhas cousiñas da parroquia de Serén


Hai rexistros no bispado de Lugo de que existe Serén dendo o ano 1027. Esta parroquia pertencía a San Miguel de Bacurín, xa que non existía igrexa aquí. No ano 1804 construíron a actual igrexa.
En canto a casa con arcos, o único que puiden averiguar foi que era a casa dun secretario do bispo, a cal foi derruída despois da guerra civil para construír outra no sitio, conservando un dos arcos o cal podemos ver actualmente. Polo que recordan as persoas máis maiores da aldea a casa tiña as portas en forma de arco, e era unha casa dunha única planta.
En canto ao cruceiro que se pode atopar no monte do Pico de Pías crese que foi posto porque morreu alguén, pero non atopo máis información.
Hai outro cruceiro en Acebedo que esta situado onde foi cometido un asesinato.

Informante: Juan Carlos Pérez e Carmen Vázquez
Idade: 47 e 86
Casa: Cobas 
Relación: Pai e Avoa
Parroquia: Serén
Traballo feito por: Uxía Pérez Morado

A Fonte da Virxe do Ermo

A Virxe Do Ermo, esta santa apareceu no Agro da Cruz, de alí trouxérona para a igrexa e escapou para o Agro da Cruz.
Despois fixéronlle a capela, e quedouse, non marchou. A partir diso celebran unha festa o 25 de marzo, no seu honor. 
A continuación hai o sartego, os nenos que nacen con algunha eiva, hai que ir a Trasmonte e lavalos nunha fonte que hai alí. Para o sartego ten que ir unha muller que se chame María, que é quen os lava. Logo hainos que levar a Carlín, e ten que ser a mesma María que o lavou en Trasmonte. Hainos que lavar na fonte. Non na capela. Hai que lavalo cun trapo branco, e despois colgalo alí onda unha silveira, e deixalo quedar alí.
Para a fonte viña xente de todos os lados, de Lugo, Rábade...andando, a ver esta santiña. Neste lugar hai un cruceiro grande, que fixeron hai pouco.

Informante:Estrella
Relación: Veciña
Idade:85 
Casa:Carqueixal 
Lugar, parroquia:Taín, Carlín 
Traballo:Jonathan Vázquez

Casa da Pena

No lugar de Gonce, parroquia de Vilafiz, encóntrase a “Casa da Pena”. O último dono que viviu nela foi Don Manuel Bóveda Ulloa
Don Manuel era mestre e puxo escola na súa propia casa. Chegou a ter moitos nenos na escola que viñan doutros lugares de arredor e tamén xente que xa era maior e que querían aprender a ler e a escribir.
No lintel da entrada ten unha inscrición coa data 1474 (case con seguridade o ano en que foi construída); ten unha aira cercada cun muro de máis de 4 metros de altura; a aira comunica co balcón mediante unha pasarela.
Tamén ten unha galería subterránea que mide uns 200 metros de largo, na que se agochaba a xente no tempo da guerra. 
Ten tres carballos ao lado do pendello, máis ou menos da idade da casa. 
Na actualidade está arrendada por un veciño de 81 anos que ten a súa casa ao lado, aínda que, practicamente xa está en ruínas.

Informante:Victorino e Cándido
Idade:78 e 81 anos
Relación:avó e veciño
Nome da casa:Casa de Arrieiro e Casa Vella
Lugar, parroquia:Gonce, Vilafiz
Traballo feito por Vanessa Blanco Cruz

Torre-Palacio de Friol

O edificio formado pola torre e o palacio está na entrada da vila de Friol. É moi antigo, do século XIII, pero igual que outros monumentos de Galicia,  encóntrase cerrado e en ruínas.
Dende a carreteira, vemos un cerre de pedra que remata en dous columnas que suxeitan a cancela de ferro. Pasada a cancela hai un campo e ao fondo, alí está a fachada principal do palacio. Toda a Torre-Palacio está nunha base cadrada, hoxe a parte que unía o edificio e a torre está derruída e todo el en estado penoso. 
Todas estas partes foron construídas en torno a un patio interior e en distintas épocas, que formaron o monumento que foi no seu tempo. A torre foi a orixe desta gran construción, está nunha base cadrada. Na actualidade polas súas ruínas decidimos que debeu ter tres andares. O palacio ampliouse no século XVII dando lugar a un fermoso e amplo edificio de grandes dimensións. 

Informante: Toño
Idade:Arredor dos 50
Relación: Veciño
Parroquia:  Friol
Traballo feito por: Lúa Martínez

23 de set. de 2014

IV Camiñada entre as Torres

O alumnado de 1º de ESO realizou hoxe a Camiñada coa que iniciamos as actividades do proxecto interdisciplinar "O patrimonio do meu concello" no curso 2014/15
Como vén sendo habitual saímos a primeira hora da mañá desde o centro escolar para dirixirnos ate o pazo- torre de Friol e iniciar aí as actividades propostas na Camiñada. Desde alí continuamos camiño da torre de S. Paio completando as actividades nos diferentes puntos do traxecto e rematando coa localización das figas que protexen as chemineas da Torre de San Paio.
Finalizado o traballo volvemos para o centro pero esta vez en autobús.
Xa para rematar dicir que a avaliación da camiñada por parte do alumnado superou o 9 sobre 10.
Despois disto só queda poñerse a traballar no proxecto.

20 de xuño de 2014

Saída polo concello friolés

Como remate do Proxecto Interdisciplinar deste curso 2013/14, o pasado xoves día 12 de xuño fixemos un percorrido lúdico-didáctico por diferentes lugares do noso concello.
Deixamos aquí mostra gráfica do mesmo.

12 de xuño de 2014

Igrexa de Lea

A igrexa de Lea está situada no Corral de Abaixo, en Lea. 
Foi construída sobre o ano 1500. Hai dez anos foi restaurada. É de estilo románico. Non ten tribuna. Ten confesionarios antigos de madeira onde se confesaba a xente. Ten un peto de ánimas. Tamén ten unha pía do bautismo, construída de pedra. 

Informante: Mª Carmen López López
Relación: Nai
Idade: 42
Nome da casa: Casa de Xil
Lugar: Lea
Miguel Ángel Sánchez López 

O muíño da Calzada

Este muíño atópase no barrio de Santa Eufemia, na parroquia de San Martiño de Condes, municipio de Friol, provincia de Lugo.
O muíño está feito de pedra. Ten un almacén onde se gardaban os sacos de trigo, centeo, millo e fariña.Ten máis de un século de antigüidade. Obtiña a enerxía para moer, a través da forza da auga do río O Porto Xesteiro
Hai 30 anos que este muíño está parado pola morte do muiñeiro, coñecido co nome de “o señor Pepe”, que moía, o trigo, o centeo, e o millo de todos os veciños e el quedaba cunha parte dos cereais que traían; a chamada maquía.
Na actualidade, a este muíño fáltanlle moitas pezas principais e está abandonado, pero en tempos era imprescindible, e moi importante porque de alí saía a fariña para facer o pan. 
Informante: María José García Lamas
Idade: 42
Relación: Nai.
Casa do Medio (San Martiño de Condes)
Recollido por: Juanma Sobrado García.

1 de abr. de 2014

Muíños



Muíño do Rouchelo
Todos estes muíños que vou citar eran muíños de maquía excepto o muíño de Rouchelo .
  Por exemplo : Cobran un kilo por un ferrado 
  
O MUÍÑO DE RON  
É un muíño da aldea da Pontexiá era propiedade de José Jul .
 Fai sobre 25 anos que non moe .
 
MUÍÑO DE PORTALAMOSO
Este muíño leva o nove da aldea ( Portalamoso) a que pertence,é de Avelino Cruzado .
Non moe . Leva sobre 50 anos 
 
O MUÍÑO DE FRAGA
Era da casa de Pereiro na aldea de Lousado , propiedade dun señor que se chamaba Ángel Ares Garcia , leva un 40 anos que non moe .

O MUÍÑO DE ROUCHELO
Este muíño non era de maquía, era duns cantos veciños entre eles estaba meu avó . Leva entre 40 aproximadamente que non moe. Está entre dúas aldeas que se chaman Currás e as Pozas . 

Informante : Jośe Ares Zas 
Idade :60 anos 
Relación:Avó
Lugar: Lousado
Parroquia: Xiá   

Lavadoiro de Lea

Este lavadoiro está cerca da igrexa de Lea, nun lugar que se chama: o Feal. No Feal, hai unha fonte que bota auga para este lavadoiro público. Ten pedras por tres laterais, onde se poñían as mulleres para lavar a roupa. Polo outro lado e por onde ben a auga da fonte, para o lavadoiro. Cada muller tiña unha pedra para lavar a roupa. Unha pedra pequena era para poñer o xabón. A auga do lavadoiro sempre estaba limpa, porque a auga sempre estaba saíndo e outra entrando. A auga sucia saía para unha leira. (Hoxe en día está tapado por un silveiral e fentos). 


Informante: Mª Carmen López López
Relación: Nai
Idade: 42 anos
Nome da casa: Casa de Xil
Lugar: Lea
Miguel Ángel Sánchez López 

Xerador da electricidade de Lea

O xerador da electricidade, está situado no Corral de Abaixo, en Lea, dentro da finca dun veciño. Está pegado ao río das Pontellas. Ten forma de caseto pequeno. O tellado é de lousa e as paredes de pedra. Ten unha porta de madeira. Aproveitábase a forza da auga do río para producir electricidade.A auga ven do Río das Pontellas. Chégalle por un "rego". A auga acumúlase nun foso e despois entra para o muíño abrindo unha comporta. Agora este xerador de electricidade non está en funcionamento.


Informante: Ángeles Pilar López López
Relación: Madriña
Idade: 43 anos

Lugar: Friol
Miguel Ángel Sánchez López 
 

Escola de Xíá

Fai aproximadamente no ano 1.955 empezouse a escola preto do cruceiro de Xiá A escola ian todos os nenos /as da parroquia Naqueles tempos non habia autobúses e os nenos/as tiñan que ir andando , daquela tampouco habia comedor escolar e os nenos tiñan que levar a súa comida nunha bolsiña da súa casa . Pero na escola as 12:00 horas da maña dábanlles os nenos un basiño de leite en pó, e a saída un trozo de queixo de castela. Habia primeiro unha mestra chamada dona Vicenta que era a avóa do doutor Angel Puga Martínez que actualmente é médico e rexidor do pobo do Cádabo . Cara o ano 1.965 a mestra dona Vicenta xubilase e queda o cargo Paz Varela que foi nacída en Ousá ,Friol . Actualmente esta propiedade e de Emerita Ares e Manuel Buján. 

Informante:Ángel Ares López 
Idade:87 anos

Relación:Veciño 
Casa:Do Soldado
Lugar: Lousado  
Parroquia: X
  
 

25 de mar. de 2014

A pedra das cazolas

O dolmen está na Ferreira. Hai uns 20 anos estaba tumbada, pero cando os donos compraron a finca, levantárona.
Queríana romper en cachos para un muro pero veu a Xunta e dixeron que era un dolmen, e que non podían cortala nin plantar árbores preto dela. Mide 2 metros como máximo. E chámase así porque co paso do tempo ao chover foise desgastando  e fixéronse como uns buratos, que parecen cazolas.



Informante: Lola
Idade: 49
Casa: Garelo
Relación: Nai
Parroquia: Serén
Por: Jessica Legaspi Valín




Mingas e Marañas.


Era nun lugar de Nodar no que había dúas señoras chamadas Mingas e Marañas e fixeron un pote de papas. Como non as remexeron ben, no fondo do pote fixeron un bolo.
Mingas probou un pouco cando o remexeu e encontrou un bolo no fondo do pote e despois na casa berraban:
-Vide aquí que morreu Mingas - dicían uns, e outros contestaban:
-Non, non, que é un novelo de liñas.
Mingas morreu pero Marañas aínda morreu anos despois.

Informante: Ana María Penas Barral.
Idade: 48 anos.
Relación: Nai.
Casa: Xaquín.
Lugar: Mantelle.
Parroquia: Nodar
Recollido por:Mónica Saavedra Penas.

A cantiga do coxo de Xesusiño

Había un coxo chamado Xesús que meteu unha lebre nun caixón e cebouna para o día da festa de San Xoán. Dous días antes, a lebre fuxiu. A cantiga que se inventou dicía: 
O pobre do Xesusiño 
non paraba de chorar, 
que a lebre comeulle 
tres sacos de grá. 
E foron Lucas e Quiroga 
para a matar. 
A Quiroga de tanto correr 
xa lle pingaba o bigote, 
e dicía: O caracha, non corro máis 
sen o viño do pipote. 
E a condenada da lebre 
por onde ela andará... 
O día cinco de xaneiro 
pasou a ponte de Saá 
e a lebre non levaba moito medo, 
que se puxo a pacer 
nas herbas do Cubelo.

Nome do informante: Mª do Carme
Idade : 62
Relación : veciña
Nome casa: casa de Buxán
Lugar : Buxán
Parroquia: Roimil

Fonte de ouro (II)

Na Fonte do Ouro vivía unha señora. Un día achegóuselle outra señora, do lugar, cun mandil. A señora da fonte díxolle á outra: 
-- Déixame ese mandil que che vou envolver unha cousa. 
A señora envolveulle a cousa e volveulle a dicir: 
--Non desenvolvas este paquete ata que chegues a casa. 
E, como di o dito, “a curiosidade matou o gato”. A señora desenvolveu o paquete e viu que eran carbóns e tirounos no monte. Despois cando chegou a casa na dobradura do mandil viu unha boliña  pequena de ouro. Volveu ao monte, para coller os carbóns, pero non había nin bólas nin carbóns.

Informante:Oliva 
Idade:79 
Relación:Miña avoa 
Casa:Rulo 
Lugar:Rexidoira 
Parroquia:Cotá 
Jesús Cabado Sánchez

Escola de Lea

A escola da parroquia de Lea está situado en Outeiro – Lea. É un edificio dunha soa planta, con catro ventás por un lado, e outra, por un lateral, sen cristal. Ten unha entrada principal sen porta, que dá a un corredor onde están os baños, os cales non teñen portas. Dende este corredor, hai unha porta de madeira, por onde se entra para a aula. Despois de ser escola unitaria, foi escola de Preescolar na Casa. Agora, xa non se emprega como escola, senón para reunións de veciños, ou festas da parroquia. 


Informante: Ángeles Pilar López López
Relación: Madriña
Idade: 43 anos
Lugar: Friol
Miguel Ángel Sánchez López 

18 de mar. de 2014

A fonte do ouro (I)

Na miña parroquia hai unha lenda que ten dúas versións. 
Aquí vai a primeira:
Na Fonte do Ouro dicíase que había unha pita con pitos de ouro. Cando a xente se achegaba a eles os pitos agachábanse na fonte. Se alguén lograba tocar cun pano de tea os pitos convertíase de ouro. 


Informante:Oliva
Idade:79
Relación:Miña avoa
Casa:Rulo
Lugar:Rexidoira
Parroquia:Cotá
Jesús Cabado Sánchez

Casa de Caseiros(Tamén chamada Casa da Nova)

A Casa de Caseiros, está situada no “Corral de Abaixo”, da parroquia de Lea. É grande e ten outras dúas casas ao lado, para varios caseiros. Ten unha pendella grande, con columnas de pedra, para gardar a leña e cun forno, para cocer. Tamén ten outra pendella, para gardar a ferramenta, e outra máis, para gardar a herba. Ten unhas cortes debaixo das habitacións e en fronte da cociña. Ten un corredor grande, entre a cociña e as cortes, que daba a unha porta para a eira e outra para o curral.

Informante: Carmen López Fariñas
Relación: Avoa
Idade:79 anos
Nome da casa: Casa de Xil
Lugar: Lea
Miguel Ángel Sánchez López 

Un muíño ben antigo.


O muíño da Cabana é un muíño ben antigo que está na parroquia de Nodar.
Neste muíño moíase o trigo e o centeo para sacar fariña para poder comer, e salvado para os animais.
Pola peneira do muíño saía a fariña.Tamén había un rodicio que o movía a auga para poder moer.
Tiña unhas escaleiras para chegar a hucha onde se botaba o gran.
Mentres que o muíño moía unhas fumaban, outros ían a casa para facer labores, outros contaban chistes ou cantaban...
Este muíño servíalles a moitas persoas para comer e manter os animais, cousa que agora non serve de case nada porque está en ruínas.

Informante: Ana María Penas Barral.
Idade:49 anos.
Relación: Nai.
Casa:Xaquín.
Lugar:Mantelle.
Parroquia:San Mamede de Nodar.
Recollido por:Mónica Saavedra Penas.

Lenda de Bravos .

Esta lenda comeza cunha historia, o primeiro cando os nenos nacían, os curas bendicíanos coa palabra de Deus. Había algunhas veces que os nenos morrían e despois os curas tiveron que falar.
Entón chamaron uns homes (6) entón estiveron 8 meses construíndo e fixeron unha cámara para poder enterrar os nenos mortos que naceran.
Entón dende ese día entérranse os pequenos aí.

Nome do informante: Ghio-mar Quiñoá Alonso.
Anos:36 anos.
Relación :Nai. 
Lugar:Monte Ouceira.
Parroquia: Vicinte (Bravos)

Pena Castrela

Pena Castrela (moitos chamábanlle Pena da Moura): Está situada no “Pedrido”. Cóntase, que alí vivía unha bruxa( Moitos chámanlle, a “moura”). Un día, esa moura, camiñaba pola ponte do Pedrido, acompañada pola súa filla. Levaba consigo unha vasilla con leite e unha pedra na cabeza. Ó chegar ó lugar onde se atopa a Pena Castrela, a bruxa esvarou, a rocha caeu da súa cabeza, esmagando a súa filla e rompendo a ola. Foi entón cando pronunciou estas palabras:
Pena Castrela, 
rompíchesme a ola 
matáchesme a nena
o demo te fenda
de rabo a orella.
Ao caer, dividiu a pena en dúas partes. Hoxe en día, pódese ver así a pena e tamén, unha marca en forma de cunca onde caeu a pedra. A moura facía a súa vida na pena e cocía alí. Polo que se pode ver nunha parte da pena unha especie de forno. 


Informante: Carmen López Fariñas 
Relación: Avoa
Idade: 78 anos
Nome da casa: Casa de Xil
Lugar: Lea
Miguel Ángel Sánchez López 

SANTA EUFEMIA

A lenda conta que hai moito tempo, nun lugar da parroquia de Condes, houbo a aparición de Santa Eufemia. A aparición da Santa ocorreu un día cando a xente estaba pastoreando o gando.
Na súa honra levantouse unha capela, puxéronlle o seu nome ao lugar. De aí o nome de SANTA EUFEMIA. 
O prado onde se produciu a aparición bautizárono co nome de “Prado da Capilla “. 
En todas as construcións que se facían, poñíanlles símbolos relixiosos (cruces, campanarios …) , ao hórreo, ao muíño, ás casas, … 

Informante: María José García Lamas
Idade:42 anos
Relación: Nai
Casa: Casa do Medio
Lugar: O Castro
Parroquia:San Martiño de Condes
Recollido por: Juanma Sobrado García

A escola da Cabana.


Esta é unha escola que está construída hai máis de 50 anos, situada no medio da parroquia de Nodar.
A esta escola só acudía unha profesora chamada Ana María Núñez Rodríguez que viña os luns e toda a semana ata os venres. Vivía na planta de arriba do edificio, onde moitas veces viña súa nai durmir con ela.
Alí acudían máis de 30 alumnos.
Nesa escola había unha televisión, unha estufa pequena de butano, un encerado, unha mesa de profesorado e mesas e cadeiras do alumnado.
Nesta escola só houbo ata 6º despois houbo que ir a escola de Friol.
 
Informante: Ana María Penas Barral.
Idade:49 anos.
Relación:Nai.
Casa:Xaquín.
Lugar:Mantelle.
Parroquia:San Mamede de Nodar.
Recollido por:Mónica Saavedra Penas.

20 de dec. de 2013

Cantamos o Nadal

Dentro das actividades programadas no proxecto interdisciplinar todos os anos por estas datas creamos un obradoiro de panxoliñas no que o alumnado de 1º de ESO aprende e nalgún caso recupera, diferentes panxoliñas e cantos de reis que posteriormente saímos a cantar pola vila friolesa.
Para a actividade contamos coa colaboración do grupo de pandeireiteiras do colexio.
Hoxe tocaba ir pola vila cantando o aprendido. Así o fixemos.
En xeral foi boa a acollida e moi xenerosa a achega de donativos e agasallos. 
A rapazada quedou satisfeita e nós aínda máis.
Boas festas!