Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto interdisciplinar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto interdisciplinar. Amosar todas as publicacións

20 de dec. de 2013

Cantamos o Nadal

Dentro das actividades programadas no proxecto interdisciplinar todos os anos por estas datas creamos un obradoiro de panxoliñas no que o alumnado de 1º de ESO aprende e nalgún caso recupera, diferentes panxoliñas e cantos de reis que posteriormente saímos a cantar pola vila friolesa.
Para a actividade contamos coa colaboración do grupo de pandeireiteiras do colexio.
Hoxe tocaba ir pola vila cantando o aprendido. Así o fixemos.
En xeral foi boa a acollida e moi xenerosa a achega de donativos e agasallos. 
A rapazada quedou satisfeita e nós aínda máis.
Boas festas!

28 de mar. de 2012

Saída a Trasmonte e Carlín

Hoxe fixemos a saída organizada ás parroquias de Trasmonte e Carlín, nas que realizamos unha chea de actividades programadas e entre as que caben destacar a localización da calzada romana que atravesaba a parroquia de Trasmonte, a subida ao castro onde as alumnas Lucía López Cela e Nerea Gil Devesa relataron unha lenda e unha antiga tradición relacionadas co castro, do que se ven claramente aínda hoxe as murallas defensivas do antigo poboado.
Por outra parte achegámonos ao Pazo de Trasmonte e á pena de Bouzaboa --ou Bicuda--para despois marchar a Carlín e completar a información relacionada co chamado Mal do Sartego.
Chamounos a atención que a fonte da Virxe do Ermo non tiña auga ningunha cousa ben raro a estas alturas do ano, se non tivesemos en conta a seca que levamos padecendo.
Non sabemos se teremos que botar man do antigo costume de Trasmonte e saírmos en procesión rogativa dende a igrexa ata o cruceiro chantado na muralla do castro para pedir a tan necesaria choiva.
Se queredes ver máis fotografías da actividade premede aquí para acceder á galería do centro

20 de mar. de 2012

Máis cousas sobre Trasmonte

Muíño:
Estiveron 3 xeracións da mesma familia de muiñeiros en Bouzaboa. Os decendentes que quedaron non quixeron seguir coa tradición e vendéranllo a un señor de Inglaterra que o reformou. Leva moitos anos parado.
En tempos pasados tamén había outro máis antigo en Ponterío que pertencía á casa de Bóveda. Este caeu pero aínda seguen estando as pedras. A pena é que o abandono dos arredores evita acercarse.

Casa Grande:Casa de Bóveda
Está en Vilarmende e era unha casa moi rica. Tiña unha capela co Santo do Cosme. Porque antes había un cura que misaba. Cando morreu viña misar ó da parroquia cada 15 días pero finalmente só acabaron misando o día do San Miguel, o 29 de setembro. Actualmente xa non hai misa. Esa casa tiña 4 caseiras, por iso posuía un muíño propio e moitas propiedades, ademais de 3 casas máis pequenas. Agora esas 3 están derruídas, só hai restos de paredes. E na casa principal aínda viven caseiros.
Festas de Trasmonte
Antes celebrábase o último domingo de maio en honra á Virxe dos Milagres e o 29 de setembro en honra ao San Miguel. Actualmente celébrase o último fin de semana de maio en honra á Virxe dos Milagres.
Esta información achegóunola a avoa de Lucía, Fé, de Pedrafita da casa de Xeixo. Ten 86 anos.

12 de mar. de 2012

A pampurriña

Cando ían co gando para o monte, xuntábase o de todo o lugar.
Á hora de recollelo, cada dono ía polo seu rabaño. Chamaban por el (polo macho dominante) e xuntábano para levalo para a casa. Se faltaba algunha cabeza, por que se extraviaba, coa man esquerda daban golpes nas veigas invocando a un insecto diminuto chamado pampurriña dicindo e petando a un tempo no chan da veiga:
Pampurriña do pimpóm
dime se me ha vir o gando á noite á casa ou non.
Se me vén ponte na man
senón estate no chan.
Esperábase un pouco e se as pampurriñas che subían á man o gando viña e se non o facían o gando dábase por perdido.
A pampurriña como podemos observar na fotografía de wikifaunia.com -que é a que ilustra esta entrada -- é o coleóptero coñecido tamén como xoaniña, barrosiña, reirrei,...
Isto contoumo:
Álvaro Santos Ramos, de 32 anos da casa de Laxe no Sisto (Anxeriz). É un amigo.

27 de feb. de 2012

O muíño de Ricardo

O muíño de Ricardo construíuse hai aproximadamente uns 150 anos. Construíuno Ricardo, aínda que xa morreu. Utílizabase para moer millo, trigo e centeo.
O río do muíño é o río Parga. Ao lado do muíño hai unha ponte para pasar a Bidueiro. A ponte é estreita, aínda que actualmente aumentáronlle algo. Actualmente pódese visitar só por fóra.
Informante: Antonio Lorenzo López
Idade: 78
Relación: Veciño
Nome da casa: De Ferreiro
Lugar: Gudín de Abaixo
Parroquia: Roimil

Como se branqueaba a cera

A cera obtíñase dos panais do mel. A continuación, collíase e apretábase ata separar o mel da cera.
Despois, cocíase a cera nunha pota cunha temperatura feble. Tendíase nuns lenzos para que endurecese e para separala dos residuos que tiña. Logo, estendíase a cera sobre o chan do blanquieiro en tiras. Enrolábanse as tiras deste material fabricando as velas.
Para este traballo facía falla unha edificación chamada blanquieiro. Este era parecido a unha terraza actual. Estaba feito na súa totalidade de pedra de canteiras. Antigamente había bastantes blanquieiros e ben conservados. Actualmente que se conserven ben en Galicia só hai dous: un na Fonsagrada e outro no Carballo,Friol.

Informante:Trinidad Rodríguez Argerey ( a miña avoa)
Casa: Casa de Bibiana
Idade:71 anos
Lugar:Carballo
Parroquia:Carballo

24 de feb. de 2012

O lavadoiro de Suso

Hai 10 anos que o fixeron, está situado ao lado da palleira de Suso, que está en Cibreiro(Silvela), estaba feito de ladrillo pero reformouno hai 2 anos, tirou as partes de ladrillo que estaban máis estragadas e púxolle outras novas, finalmente recebouno con cemento.
Recibe o nome de "Picha". Non é un lavadoiro normal porque non fai falta abrirlle a ningunha billa, bota agua de manancial todo o ano menos na metade do verán e a principio do outono que está seco. Todos os da aldea imos por auga alí porque está fresca e ten un sabor agradable para o padal.

Contado po Jesús Espiño, ten 63 anos e vive en Cibreiro(Silvela).

17 de feb. de 2012

Coplas do Entroido

Despois de dedicarmos algunha sesión das clases de galego e do proxecto interdisciplinar a elaborar coplas para o Entroido e ter ben feitas case que cincuenta, decidimos escoller doce para publicármolas neste blog.
A escolla fixémola democraticamente, botando cada compañeiro por un máximo de dez coplas. Despois de facer o reconto as elixidas foron estas:

En Samede hai un rapaz
que atopou un barril
caeu no fondo dun pozo
e atopou un xabaril

A Cristina de sociais
aínda que lle estudes moito
tal como pon os exames
nunca vas chegar a un oito.

A profe de castelán
de deberes manda esquemas
míraos á mañá seguinte
pobre de quen non os teña.

A profe de naturais
é unha profe fabulosa
tamén é unha mulleriña
moi, pero que moi golosa.

O meu adestrador de fútbol
anda sempre cabreado
nós perdemos os partidos
el sempre queda amolado.

Cando vou para primeiro
abro a porta e entra a xente
sempre teño que esperar
por un chamado Vicente

Sempre me encontro a Xabier
cando vou facer a compra.
Como non me quere ver
sae correndo pola porta.

O profesor de matracas
éche listo e moi sabido
se temos clase con el
ponche moitos exercicios.

Outra alumna de primeiro
nunca para de 'reír'
moito bracexa cos brazos
cando mira para min.

O Celestino traballa
vaille a música do vals.
O profe vai se emociona
quéreo sacar a bailar

Miña avoa é pequeniña,
vai e arrinca moito esterco
como non lle gusta nada
vai e cágase no clero.

O profesor de galego
évos un gran inventor,
non para de facer coplas
para a xente do arredor


Feitas por Lucía López, Belén Argerey, Esther Pena, Ylenia Cobas, Antonio Martín, Xabier Castelo, Adrián Pena, Adrián López.

31 de xan. de 2012

Os cabeceiros,como se fan

Usábanse catro troncos de madeira, xestas, palla e varas de salgueiro. Uníanse os troncos facendo un cadro que era a base, cun trade facíanse oito buratos na mesma e metíanse oito varas gordas, e íanse enleando varas máis finas entre as outras, estaban peladas para que aguantaran máis,e deixábase un oco para a porta.
Para o teito poñíanse xestas enliándoas e poñéndoas en forma de cono para que non entrase a auga.No curuto, para que non entrase a auga poñíase un cono de palla, cada ano cámbiaselle as xestas.
Usan dúas ferramentas: unha trade e unha coitela para pelar as varas. Colocábanse sobre unhas pedras e nunha pena.
Servía para gardar o millo. Tardábase máis ou menos unha semana en facelo.
Este fíxoo meu avó, José Romero Fernández da casa de Camilo, nas Laxes, Miraz.

Trasmonte

Na nosa parroquia déronos moita información. Hai:
Costureiras:
1- Inés da Casa do Zapateiro, 65 anos
Información:
Antigamente facíanse case todas as prendas: pantalóns, vestidos, combinacións, calzóns, saias, blusas, xerseis... Ela cosía polas casas e na súa casa. Empezou aos 19 anos e coseu ata que morreu o seu home, que era zapateiro, ata os 60.

2-Josefa da Casa de José Antonio, 60 anos
Información:
Foi costureira moi nova, ós 18 anos, e tiña a 3 mulleres cosendo para ela. O taller tíñao na casa.

Cantigas:
O amor de costureira
era papel e mollouse
agora costureiriña
o teu amor acabouse.

Costureiriña bonita
dime onde tes a cama:
--No puleiro das galiñas
cunha presiña de palla.

Información sobre o sartego de Trasmonte:
Informante: Josefa de José Antonio
Os nenos que nacían mal: se tiñan as pernas cruzadas, eran delgadiños, medraban pouco... Tiña que lavalos no sartego unha María. Despois había que deixar unha prenda do neno e ir sen parar en ningún lugar a Carlín para alí lavalos nunha fonte e volver deixar unha prenda.

Músicos:
José Valiño Parga Casa de Valiño 70 anos
Información:
Tocaba a batería na orquestra Acapulco 81. Eles ían as verbenas de todo Galicia, León e Asturias.
Mari Carmen Casa de Cadete 63 anos
Información:
Infórmanos de que dicía súa nai que antigamente cando había sequía ían en rogación ata o cruceiro que hai no castro pidindo que chovera.
Tamén di que a fonte do Torno era moi importante antigamente posto que como non había auga traída ían todos a esa fonte por auga.
Lendas:
Díxonos que di unha lenda que séculos atrás no castro había unha galiña que tiña 100 pitiños de ouro.
Trina Casa do Grilo 77 anos
Cóntanos que hai unha lenda sobre o sartego que asegura que unha vez un home quixo levantalo e quedou cego para toda a súa vida.

17 de xan. de 2012

Lenda

Uns señores moi maiores, que eran moi medosos, cando entraron no baño escoitaron uns ruídos na cociña. A muller, con moito medo, colleu o peite e indo para a cociña viu a unha señora cociñando nunhas fabas. A señora tiroulle o peite e atravesouna; a muller gritou como se a fosen matar, e o home cando chegou á cociña e a viu tirada no chan chamou a ambulancia.
Din que daquela quedou tola toda a vida e o home de tanta angustia por ver a súa muller tola, pouco despois colleu unha pistola e matouse.
Persoa que mo contou: Germán Corredoira López, amigo dos meus pais, vive na casa do Paulo de Sobrado.

15 de xan. de 2012

Igrexa de Roimil

Non se recorda o ano en que se construiu porque hai moitisimos anos. E unha igrexa moi bonita e esteticamente está ben conservada. Ten un adro moi ben coidado é ten un cemiterio que rodea a igrexa. Actualmente conservanse nichos moi antigos e sábese porque no sitio hai unha pedra gravada co nome da persoa que morreu.
Informante: Antonio Lorenzo López
Idade:78 anos
Relación: Veciño
Nome da casa: Ferreiro
Lugar: Gudín de Abaixo
Parroquia: Roimil

13 de out. de 2011

II Camiñada das Torres


















Hoxe, realizamos a II Camiñada das Torres, co programa establecido de antemán que como o curso pasado comezou na Torre de Friol para achegármonos ata San Paio e regresar á escola.Dada a seca que estamos padecendo, non houbo ningún problema coa auga, pois os dous regos que tiñamos que atravesar estaban ben secos.
Desenvolvemos as actividades previstas e quedan pendentes para as próximas sesións do Proxecto Interdisciplinar as que hai que rematar informándonos na casa para completar as fichas correspondentes.
Deixamos aquí un par de fotografías: unha do comezo ao pé da torre de Friol e outra na de San Paio.
Con esta II Camiñada iniciamos xa en serio o proxecto interdisciplinar ao que este ano incorporamos unha nova actividade relacionada coa microtoponima da que daremos conta no seu momento.
Boa andaina!

23 de xuño de 2011

Remata "O patrimonio do meu concello". 2010-11.

Como actividade final deste curso 2010-11, e tal como estaba previsto, fixemos a saída a Trasmonte, onde desenvolvemos as actividades de investigación e localización que estaban establecidas.
Buscamos quen nos contase a Lenda do Sartego de Trasmonte, contáronnos tamén a Lenda da Pena Bicosa de Bouzaboa -- achegámonos ata ela--, localizamos e visitamos o derruído pazo de Trasmonte, e percorremos un treito da antiga calzada romana.
Como a lenda do sartego ten remate final na fonte da igrexa de Carlín, e tendo tempo, achegámonos ata Carlín. Dando por finalizada a primeira parte da saída.
Xa rematado o traballo pasamos á parte lúdica: Fomos ata o Club Fluvial de Friol e compartimos coas pandeireteiras do colexio unhas pizzas financiadas co recollido na actividade realizada no Nadal cando fomos Cantar os Reis pola vila adiante.
Remata un ano intenso no que todos nós achegamos material para este blog, coñecendo diferentes aspectos patrimoniais --materiais e inmateriais-- do noso concello que non todos coñecíamos, e no que aproveitamos para facer tres saídas: Unha camiñada a primeiros de outubro entre a Torre de Friol e a de San Paio, e dúas saídas -a Vilalvite, Cotá, Guldriz e A Devesa- a finais de marzo e esta da que falamos.
Queda tan só agradecer ao Concello de Friol, e en particular á súa concelleira de cultura, Isabel García Pacín a boa disposición a colaborar na actividade , colaboración que se plasmou no financiamento do transporte das citadas saídas.
Remata unha tirada máis do proxecto "O patrimonio do meu concello"

20 de xuño de 2010

A miña parroquia: A Rocha


Na miña parroquia da Rocha hai unha serie de cousas pouco coñecidas noutros lugares. Ímosvos mostrar algunhas na presentación que acompaña esta entrada :
A) Casa con inscrición no Alto.Esta casa foi feita no mes de maio de 1621, así que ten uns 389 anos( primeira foto). Como non se pode ler ben a inscrición dígovos o que pon:" Es milla es el Mes de Maio del ano Mil621". Cóntase que nesta casa,viviu un cura e, que supostamente, foi el quen a construíu. Ademais,tamén se di que dentro dun dos cuartos facíase lume. Noutra delas había, e hai, unha pía na que facía as súas necesidades. Hoxe mesmo, este cuarto pódese ver por dentro, nela hai animais.
Hai outro cuarto que se pode ver. En cambio o resto da casa non se pode ver porque a casa é de dúas plantas e co paso do tempo as escaleiras comezaron a podrecer.Pódese subir,pero moi cuidadosamente. A parte de fóra da casa está moi estable. A día de hoxe a súa dona é Dona Inés Morandeira López.

B) Pozo do Potico no Alto
Foi feito alá polo ano 1940. Polo tanto ten uns 70 anos. A súa profundidade é de 8 metros aproximadamente. (foto 3). Foi construído por Marcial Barreiro Lamas e Rogelio Lamas Castro.
Na seguinte foto, vese como é por fóra: a estrutura de pedra, o lousado e a porta de madeira.
Por dentro,ten unha pedra na que se pousa o cubo.O cubo está amarrado a unha corda que pasa pola polea. O pozo a día de hoxe,é propiedade de José María Barreiro Bernárdez e Rogelio Lamas Castro.
C) O Hórreo(Alto)Este hórreo foi feito por Don Rogelio Lamas Castro.Ten aproximadamente 56 anos. As escaleiras nunca se lle fixeron. Está feito con pedra, ladrillo e lousa.
A pedra fai a estrutura.O ladrillo cobre o resto menos o lousado.
Antes neste hórreo gardábase o millo ata que curaba. Hoxe en día o hórreo está baleiro.

D) Casa de Severiano(Malpica)Esta casa foi feita, máis ou menos,no ano 1920. Foi feita polo pai de Severiano: José Torres e por outro home de Casa de Buxán. Ten dous cuartos (que non se poden ver de ningunha forma porque a parte de atrás da casa está caendo e por dentro está chea de silveiras),unha cociña, un servizo,e a corte. Na actualidade a vivenda é dun sobriño de Severiano (por certo,está á venda).
Laura Barreiro Cobas. 1º de ESO
A Rocha


View more presentations from Friolteca.

2 de xuño de 2010

A capela da Fraga

Neste traballo realizado por Marta Fernández García, Óscar Combo Currás ( os dous da Laxe, Carballo) e Silvia Cabado Sánchez (da Rexidoira, Cotá)recóllese a investigación que fixeron estes tres alumnos de 1º de E.S.O. sobre a capaela e a Casa da Fraga. Nós transcribimos literalmente:
"Esta capela foi construída no ano 1700 aproximadamente. Di a lenda que vivía alí un cardeal e que foi enterrado alí. Tamén di, que un veciño de Anxeriz ou desa zona, tiña un preito cos seus veciños. Foi falar co cardeal para que lle axudase a gañar o preito e díxolle que se o gañaban lle tiña que levar pedra para facer unha casa porque alí había pedra moi boa.
Na fotografía aparecen tres imaxes : a da esquerda: S.Xoán , no centro: A Divina Pastora e a da dereita, Santa Isabel.
Dise que esta capela foi Concello (xa que se encontraron documentos), escola e tamén cárcere como se pode apreciar nas reixas da ventá. Segundo nos contaron o cárcere estaba detrás da capela.
Tamén se atopou unha pía, nunha corte, mentres sacaban o esterco.
O dono desta propiedade tamén tiña outra chamada a Gándara que está preto da capela.
Arriba, nunha palleira, hai un sol que aínda se ve algo. O número da capela é o 303 pero non se ve.
Había unha pía que almacenaba a auga . A súa auga tiña moita forza e procedía dun regato que viña de fóra da capela.
O dono desta capela vive nunha casa ao lado dela . Na entrada destaca un escudo.
Esta casa coñécese como a Casa do Barbeiro por unha cadeira de barbeiro que aínda se conserva no primeiro cuarto da entrada. Esta cadeira ten unha inscrición que di que é orixinaria dos EE.UU. con data de fabricación 12 do 1910.
Noutra das estancias hai un servizo que utilizaban os donos pois os criados utilizaban as cortes".
Na presentación que acompaña esta entrada podemos "ver unha gramalleira da que se colgaban os potes.Para fregar utilízabase o fregadeiro, pero era de pedra.No cuarto de arriba había unha especie de sancristía.
Imos contar algo da historia desta propiedade:
Os da Fraga, que era como se chamaban os anteriores donos, venderon a propiedade porque a señora quedara viúva e quería pagarlles os estudos aos fillos en Santiago. Vendéronlla ao dono actual , Higinio , por 25000 pts.
Aos dous anos a señora (viúva) e os fillos, quixeron comprar outra vez a propiedade , pero o dono actual non llela quixo vender .
A esta casa chámanlle "A Casa da Fraga" porque quedoulle o nome da anterior familia.
Aquí rematamos !!! . Esperemos que vos gustase".
Aquí deixámosvos as fotografías que ilustran o traballo. Felicidades ao grupo de alumnos por un traballo ben feito

1 de xuño de 2010

O carballo do Seixón

Este carballo é da parrquia do Seixón (Friol-Lugo).
Concretamente,está situado no Seixon de Arriba.
É dunha casa chamada a casa do Muiñeiro, esa árbore ten máis ou menos 500 anos , mide arredor de algo mais de catro metros de circunferencia.O carballo é moi coñecido na nosa aldea cando veñen, algúns familiares dos veciños, normalmente van visitalo porque é moi grande.