Amosando publicacións coa etiqueta Guldriz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Guldriz. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2013

A Meiga de Guldriz ( II )

Conta a xente da miña aldea que hai anos pasaban cousas moi estrañas nas casas de todos os veciños. Cousas que aínda hoxe moita xente intenta comprender. 
Na casa dun veciño, os cochos subían polas paredes e tampouco comían, a xente daquela casa pensaban que os cochos tolearan, xa que non os daban controlado. Foron onda unha señora que vivía nunha casa afastada de todos, chamábanlle " A MEIGA". 
A señora chegou á corte onde os cochos e botoulles unha bendición e outro sermón que ninguén o sabía. O caso é que desde aquel momento os cochos comportábanse  como animais normais. 
Tamén contan que unha muller tiña a man chea de verrugas foi onda a meiga botoulle unha bendición, e cando mirou para a súa man xa non tiña verrugas.

Informante: Yolanda Fraga Pérez.
Idade: 26 anos.
Relación: Irmá
Lugar: Guldriz.

11 de maio de 2013

A meiga de Guldriz ( I )

Cóntase que en Guldriz había unha meiga que che maldicía calquera cousa que fora túa. Esa maldición podía consistir en que non nacera herba no teu prado para a ensila, matarche as pitas para así quedar sen ovos...
Só había unha maneira de que non che fixera nada. Cada certo tempo tíñaslle que dar unha parte do que a ela lle fixese falta para así ela vivir de nós e non ter que traballar nada.
Pero claro!, naquel momento que case non había para os donos, moito menos para a meiga que non merecía nada. 
Un día unha señora que se decatou de que a meiga saíra, entrou na súa casa e viu que tiña uns botes con unhas únicas apócemas para facer ben e para facer mal. Ela desfixo as apócemas malas para que non poidera maldicir a ninguén. 
Despois avisou a todas as persoas que non lle deran nada xa que non lle podían facer nada malo. 
A meiga ao darse conta de que non lle daban nada decidiu botarlles un meigallo a todos os veciños por non ter piedade dela. Ao darse conta que lle botara as apócemas boas e que agora xa non se podía facer nada para maldicilos, decidiu marchar para outro pobo e deixar este en paz xa que agora xa non podían facer nada para que lle deran de comer. 
Os veciños sabían que a meiga fixera que todo lles fora ben, e que agora non os podía deixar sen herba, sen ovos... E moito máis contentos se puxeron ao saber que por fin a meiga marchara e nunca máis os ía molestar. 
En honor á señora que os salvou de quedar na ruína, decidiron que a maior parte das decisións para o ben do pobo as tomara ela.

Informante: Maria Divina Pérez Gómez
Idade: 49 anos
Relación: Nai
Lugar: Guldriz

4 de mar. de 2013

A Capela de San Antón

A Capela de San Antón está situada no barrio de Seixalbo, que pertence á parroquia de Guldriz.
Construíuse hai moitos anos. No ano 1436 cando se construíu a casa de Mera xa había moito tempo que estaba feita. 
A súa festa é o 13 de xuño, día no que hai misas desde as 10:00 ata a 1:00 da tarde. n moita xente de todas as parroquias. Na última misa faise a procesión arredor da capela. A xente leva ofrendas como linguas de porco, o rabo, o lacón, a cachucha... As ofrendas poñíanse a poxar para ver quen daba máis.
Co diñeiro que se ganaba das ofrendas e a esmola facían a festa e traían unha orquestra.
San Antón naceu en Portugal e foi predicador. San Antón é o santo do gando.
Dito: 
"San Antoniño bendito, 
cuidame a vaca, a ovella, a cabra... 
para que non veña o lobo, nin o zorro... 
e non más coma nin más leve.

San Antón tamén é o Santo das enfermidades.
Dito:
" San Antón bendito che quite a enfermedad e che dea sanidad pola virtud que ten. Amén".
A xente dálle un bico a San Antón de agradecemento.
Hai moitos anos había romaría, onde todos os veciños ían bailar e pásalo ben. Viña un señor coñecido como " Lamelos das Pardellas". Traía un carro con dúas mulas onde viñan as bebidas para disfrutar dunha boa festa.
Informante: Antonio Díaz Real/ Dono da Capela.
Idade: 67 anos.
Casa: Mera
Parroquia: Guldriz de Arriba
Relación: Veciño

14 de xan. de 2013

Un burro tristón

Había unha vez un burro que era maltratado; como era moi vello íano sacrificar. O burro chámase Lorenzo pero a pesar de que é un animal tiña máis coñecemento cá xente que o tiña na súa casa. Porque el cantaba e falaba pero ninguén da casa o sabía.
O burro Lorenzo era máis listo e como oíu que o ían sacrificar decidiu escapar e ganarse a vida como músico "callejero". Lorenzo era moi marchoso. Empezou a tocar unha harmónica. Segundo ía percorrendo o camiño deuse conta que había máis animais que fuxían da mesma situación. Un can que tocaba a frauta, un gato que tocaba unha guitarra e un galo que cantaba.
Entre eles decidiron formar un grupo musical para ganarse a vida e ter onde comer, durmir e vivir.
Un día ao caer a noite, os animais ven luz nunha casa e deciden ir vixiar a  ver quen vive nesa casa. Cando se asoman a unha ventá, danse conta de que alí viven uns ladróns de animais. Lorenzo e os seus amigos deciden asustar aos ladróns de animais e téndenlles unha trampa. Fixéronlles crer que eran fantasmas un por encima dos outros cantando. Cando os ladróns se deron conta, os animais atacáronnos todos a vez, os ladróns asustáronse e escaparon correndo crendo que vivían bruxas e seres perigosos. Lorenzo dálle liberdade a todos os animais.
E decidiron quedar a vivir na casa dos ladróns e foron todos felices.

Informante: Constantino Fraga Redondo.
Idade: 52 anos.
Lugar: Guldriz de Arriba; parroquia: Guldriz.
Relación: Meu pai.

14 de dec. de 2012

O castro de Guldriz

A xente maior conta que ata hai un tempo, no castro de Guldriz ( chamado A Rodela) víanse claramente casetos onde antes vivían os mouros. 
Encontrábanse moedas de cobre e ata de prata, e tamén rodas de muíños, cachos de moldes de barro... Víanse pitos que aparecían e desaparecían sen saber por onde.
Cóntase que a xente que encontraba moedas e ía comprar uns becerros, ou outra cousa calquera, que se dicía de onde lle viñeran os cartos non tiñan sorte, xa que lle morrían todos.
Tamén dicían que había un camiño desde A Rodela ata Seixalbo que pasaba por debaixo da terra, que era  por onde ían os mouros.
Tamén falaban de que dentro do castro había un cemiterio, e ao seu lado unha estrada de pedra por onde pasaban todos os veciños para poder chegar aos pozos e beber auga.
Moitos veciños pensaban que na Rodela había moita riqueza.
Un día foron onda o cura da parroquia para que bendicise o castro a ver se saían moedas de ouro. 
Cando o señor cura empezou a recitar unhas palabras do seu libro, a terra abriu unha gran greta pola que saían bichos de todas as clases. A xente berroulle ao cura:
--Mire señor cura, mire que cousas tan extrañas saen de esa greta!.
O cura mirou e quedou cego. A xente corría pola leira abaixo toda asustada. O cura quedou só e desleu o que dixera antes, para poder marchar.
Na actualidade o castro da Rodela perténcenos como propietarios porque os meus pais compraron dita parcela.
Esta información achegouma a miña avoa, Carmen Redondo López que ten 72 anos. É da casa de Meregildo (Guldriz)

10 de feb. de 2011

A galiña cos pitos de ouro

Nunha medorna habitaba unha galiña cos pitos de ouro.
Un día andaba un veciño de Guldriz por alí. Nese instante viu a galiña mais os pitos, foise acercando. Cando estaba preto deles desapareceron.
Entón o veciño veu a aldea para contar o misterio e foron alí e empezaron a escavar na medorna e tanto cavaron que se cansaron.
Ao final non encontraron nada e marcharon para a casa.

Recollido por Borja López Enríquez
Contado por Antonio (meu pai). 48 anos.
Guldriz

11 de xan. de 2011

Os encantos da Rodela


Contaban os vellos de antes, que había unha muller chamada Carmiña en Guldriz, era moi pobre.
Un día ía cunha porca para levala á feira para ver se facía uns cartos. No camiño, atopouse cunha muller da Rodela que lle propuxo cambiarlle a porca por unha toga na que envolvía unha bolsa, e que se non a abría ata chegar á súa casa a quitaría de pobre, esa era a única condición.
Carmiña decidiu cambiarlle a porca e, cando ía camiño de Guldriz, e se afastaba da muller, esta recordoulle a condición, pero Carmiña non lle fixo caso. Cando estaba chegando a súa casa a curiosidade levouna a abrir a toga e desatar a bolsa, na bolsa só había carbón. Carmiña enfadada botou un berro e maldiciu o nome da muller da Rodela e tirou todo o carbón no chan. Cando chegou á casa sacudiu a bolsa e a toga e delas caeron unhas pedriñas de carbón e cando rozaron o chan convertéronse en ouro e pedras preciosas.
Carmiña saíu correndo da casa en busca das outras pedras pero xa non estaban alí e logo foi a Rodela na procura de aquela muller que facía aquelas marabillas, pero non a encontrou. 
Cando chegou á casa contoulles o sucedido e todos tiveron perda daquela riqueza perdida. 
Isto demostra que nin a curiosidade nin a cobiza son boas para ninguén. 
Hai moitas lendas sobre este lugar e esta é unha delas.

Recollido por Rubén Ceide Cruzado.
Contado pola miña avoa, Mercedes Salgado Carreira de 84 anos
Guldriz de Arriba