Amosando publicacións coa etiqueta Vilafiz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vilafiz. Amosar todas as publicacións

10 de mar. de 2015

Gonce, Vilafiz

Esta é a peza que serve para suxeitar as follas das ventás, chámase: perlo ou cigueña.

É da Casa da Pena.
A información deuma meu avó Victorino Cruz.

Vanessa Blanco Cruz 

16 de dec. de 2014

Un avó e o seu burro

Érase unha vez un burro chamado "Jardinero" que vivía como  un auténtico burro, o seu traballo consistía en levar o trigo ao muíño para moer, levar o seu amo ás feiras ou a sitios lonxe.
Érase tamén un home ao que lle gustaba moito a caza (neste caso meu avó) gustáballe tanto que el cazaba durante todo o ano, en época de caza e mais cando non o era.  Isto de cazar fóra de época deulle algún que outro desgusto, pero miña avoa  e el tiñan un sinal para cando había problemas.
Un día pola tarde coma outros moitos, meu avó saíu a cazar cando non se podía, e xa o tiñan fichado porque sospeitaban del. A Garda Civil andáballe detrás e xusto ese día estaban pola zona, foi escoitar dous tiros e xa viñeron directos á casa preguntar onde estaba o home da casa. Miña avoa contoulles que andaba a buscar o burro que escapara e tiñan que encontralo antes da noite. 
Foi marchar eles e miña avoa botase a correr costa arriba, había que poñer o sinal en marcha e este consistía en berrar:
--Jardinero ven! Jardinero ven! Jardinero ven!
Esta vez berraba máis forte que outras veces, o perigo era evidente. E meu avó cando oía o sinal respondía orneando coma se fose o burro ( sempre presumía de saber ornear moi ben ) así a avoa xa sabía que estaba ao tanto. Pero este día de tanto berrar e de tanto ornear ata o burro se puxo nervioso e botouse da chousa onde estaba encerrado. 
Meu avó deuse desfeito dos coellos que cazara e acababa de esconder a escopeta ao lado dun valado e tapala cuns fieitos cando viu chegar o burro onda el, nunca na vida se alegrou tanto de ver o seu burro, montouse nel e xa viu chegar ao lonxe á Garda Civil, que ao chegar onda el, déronlle as boas tardes e preguntáronlle que facía polo monte. Meu avó respondeulles que andaba buscando o burro que as veces escapaba buscar mozas. Tamén lle preguntaron se oíra disparos ou vira a alguén, meu avó díxolles que escoitara dous tiros de escopeta pero que non vira a ninguén. Cada un seguiu o seu camiño; meu avó cara a casa no burro, e a Garda Civil a buscar ao que estaba cazando. Menos mal que meu avó estaba montado no burro porque as pernas lle temblaban como se fosen vimbios.

Informante: Victorino
Idade: 78 anos
Relación: avó
Nome da casa: Casa de Arrieiro
Lugar, parroquia: Gonce, Vilafiz
Historia recollida por Vanessa Blanco Cruz


9 de dec. de 2014

Casa da Pena

No lugar de Gonce, parroquia de Vilafiz, encóntrase a “Casa da Pena”. O último dono que viviu nela foi Don Manuel Bóveda Ulloa
Don Manuel era mestre e puxo escola na súa propia casa. Chegou a ter moitos nenos na escola que viñan doutros lugares de arredor e tamén xente que xa era maior e que querían aprender a ler e a escribir.
No lintel da entrada ten unha inscrición coa data 1474 (case con seguridade o ano en que foi construída); ten unha aira cercada cun muro de máis de 4 metros de altura; a aira comunica co balcón mediante unha pasarela.
Tamén ten unha galería subterránea que mide uns 200 metros de largo, na que se agochaba a xente no tempo da guerra. 
Ten tres carballos ao lado do pendello, máis ou menos da idade da casa. 
Na actualidade está arrendada por un veciño de 81 anos que ten a súa casa ao lado, aínda que, practicamente xa está en ruínas.

Informante:Victorino e Cándido
Idade:78 e 81 anos
Relación:avó e veciño
Nome da casa:Casa de Arrieiro e Casa Vella
Lugar, parroquia:Gonce, Vilafiz
Traballo feito por Vanessa Blanco Cruz