Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carballo. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2013

O pazo da Fraga

O pazo está composto pola casa vivenda, a capela, o que foi un albergue dunha escola e unhas edificacións de servizo caseiro.
Na casa, concretamente no piso baixo o que máis chama a atención é un antigo retrete que se forma dentro da parede con un pequeno furado e con tapa para as necesidades de hixiene.
O interior da capela componse por dous corpos, un para a celebración relixiosa e o outro para a sancristía. A capela está moi ben conservada grazas a boa limpeza que lle dan. O que non é doado porque xa ten ao redor de 300 anos. O último evento celebrado foi un bautizo e en breve espérase celebrar outro.
Despois da capela hai un corpo de planta baixa que antigamente era unha escola rural. Non hai moito que deixouse de dárselle este uso.
O fundador do solar foi don Gregorio da Fraga, e o herdeiro casou e ese matrimonio foi o fundador da casa grande da Fraga no ano 1717.
Informante: Higinio
Idade: 72 anos
Casa: Casa da Fraga
Parroquia: Carballo
Relación: Veciño

14 de xan. de 2013

Uns raposos

Había unha vez uns raposos que foron comer galiñas. Cando acabaron, os cans da casa saíron tras eles. Os raposos conseguiron librarse dos cans, pero cando estaban a salvo empezaron a discutir quen era o que comera máis galiñas. 
Despois o raposo máis sabio dos arredores propuxo que quen comera máis galiñas espertaríase coa barriga ben quente. O culpable da disputa entre os raposos para que non lle botaran a culpa a el propuxo unha sesta, e cando xa estaban durmidos mexoulle a outro raposo na barriga. E cando espertaron botáronlle a culpa ao outro e el marchouse sen culpas e non se volveu a saber nada del.
Informante: José Combo Blanco
Anos:81
Parroquia:Carballo
Aldea:Laxe
Casa do Combo.
Relación:  é meu avó

Como se fai o xabón

Antigamente o xabón utilizábase para lavar a roupa no río.Esta é unha maneira de elaborar o xabón:
Ingredientes: 
6 l. de auga fría 
6 l de graxa de porco, ou aceite, sebo (graxa dos ruminantes)
1 kg de sosa cáustica
1 kg de deterxente en pó 
Medio litro de xampú 
Azulete ou outra cor deste tipo de colorante
Elaboración: 
Mesturar todos os ingredientes e remexer a mestura ata que espese.Cando estea espeso vertémolo nun molde en forma de barra.Despois, deixámolo callar un día.A continuación, desmóldase e fanse os anacos a gusto de cada quen.
Advertencia:
Hai que remover con coidado porque a mestura ao botar a sosa queima.

Informante: Mª Fe Fernández Rodríguez
Casa: Casa Bibiana
Relación: É a miña nai
Parroquia: Carballo

27 de feb. de 2012

Como se branqueaba a cera

A cera obtíñase dos panais do mel. A continuación, collíase e apretábase ata separar o mel da cera.
Despois, cocíase a cera nunha pota cunha temperatura feble. Tendíase nuns lenzos para que endurecese e para separala dos residuos que tiña. Logo, estendíase a cera sobre o chan do blanquieiro en tiras. Enrolábanse as tiras deste material fabricando as velas.
Para este traballo facía falla unha edificación chamada blanquieiro. Este era parecido a unha terraza actual. Estaba feito na súa totalidade de pedra de canteiras. Antigamente había bastantes blanquieiros e ben conservados. Actualmente que se conserven ben en Galicia só hai dous: un na Fonsagrada e outro no Carballo,Friol.

Informante:Trinidad Rodríguez Argerey ( a miña avoa)
Casa: Casa de Bibiana
Idade:71 anos
Lugar:Carballo
Parroquia:Carballo

22 de nov. de 2011

A moita fartura

Nunha aldea, vivía un labrego que tiña algúns animais. Un deles era un burro que sempre andaba carretando a fariña para os porcos.
Cando saía cara ao muíño, cargado de peso e cheo de fame e de frío, sempre vía quedar ós porcos moi cheos de comer, moi finos e moi descansados. O pobre burro envexaba a vida que levaban os porcos. Pero, el tamén pensaba como acabaría o asunto.
Foron pasando os días e chegou o día da matanza. O burro, cando viu que mataban ós porcos dixo, todo convencido:
--Ai, compañeiros, xa me parecía a min que tanta felicidade e tanta boa vida non ía rematar ben!.

Contoumo a miña nai, Mª Fe Fernández Rodríguez de Casa de Bibiana de Carballo.

8 de nov. de 2011

Un milagre de San Benito

Un bo día, un fregués da parroquia de Carballo foi á igrexa. Dende o remate da misa, este home dixo:
-Quédate santo mouro, que eu non te vou volver visitar tan rápido.
Acto seguido, marchou da igrexa e foi a unha taberna próxima. Alí, entrou aparentemente san e cando quixo saír, non podía camiñar porque se quedara teso.
Despois, un home que se atopaba no establecemento foi ata onde o cura a pedirlle axuda. O cura foi ver ó enfermo e díxolle que se quería volver camiñar tiña que ir visitar ó santo e pedirlle desculpas polo ocorrido, arrepentirse de corazón.
O cura botoulle a bendición á devoción de San Benito ao enfermo e entón este púxose a camiñar. Sen perder tempo, foi visitar ao santo e deulle un bico, e prometeulle que iría todos os domingos que puidera á misa. Así foi como este home volveu á igrexa case tódolos domingos ó santuario e nunca máis estivo enfermo e morreu moi vello.
Contado por Trinidad

2 de xuño de 2010

A capela da Fraga

Neste traballo realizado por Marta Fernández García, Óscar Combo Currás ( os dous da Laxe, Carballo) e Silvia Cabado Sánchez (da Rexidoira, Cotá)recóllese a investigación que fixeron estes tres alumnos de 1º de E.S.O. sobre a capaela e a Casa da Fraga. Nós transcribimos literalmente:
"Esta capela foi construída no ano 1700 aproximadamente. Di a lenda que vivía alí un cardeal e que foi enterrado alí. Tamén di, que un veciño de Anxeriz ou desa zona, tiña un preito cos seus veciños. Foi falar co cardeal para que lle axudase a gañar o preito e díxolle que se o gañaban lle tiña que levar pedra para facer unha casa porque alí había pedra moi boa.
Na fotografía aparecen tres imaxes : a da esquerda: S.Xoán , no centro: A Divina Pastora e a da dereita, Santa Isabel.
Dise que esta capela foi Concello (xa que se encontraron documentos), escola e tamén cárcere como se pode apreciar nas reixas da ventá. Segundo nos contaron o cárcere estaba detrás da capela.
Tamén se atopou unha pía, nunha corte, mentres sacaban o esterco.
O dono desta propiedade tamén tiña outra chamada a Gándara que está preto da capela.
Arriba, nunha palleira, hai un sol que aínda se ve algo. O número da capela é o 303 pero non se ve.
Había unha pía que almacenaba a auga . A súa auga tiña moita forza e procedía dun regato que viña de fóra da capela.
O dono desta capela vive nunha casa ao lado dela . Na entrada destaca un escudo.
Esta casa coñécese como a Casa do Barbeiro por unha cadeira de barbeiro que aínda se conserva no primeiro cuarto da entrada. Esta cadeira ten unha inscrición que di que é orixinaria dos EE.UU. con data de fabricación 12 do 1910.
Noutra das estancias hai un servizo que utilizaban os donos pois os criados utilizaban as cortes".
Na presentación que acompaña esta entrada podemos "ver unha gramalleira da que se colgaban os potes.Para fregar utilízabase o fregadeiro, pero era de pedra.No cuarto de arriba había unha especie de sancristía.
Imos contar algo da historia desta propiedade:
Os da Fraga, que era como se chamaban os anteriores donos, venderon a propiedade porque a señora quedara viúva e quería pagarlles os estudos aos fillos en Santiago. Vendéronlla ao dono actual , Higinio , por 25000 pts.
Aos dous anos a señora (viúva) e os fillos, quixeron comprar outra vez a propiedade , pero o dono actual non llela quixo vender .
A esta casa chámanlle "A Casa da Fraga" porque quedoulle o nome da anterior familia.
Aquí rematamos !!! . Esperemos que vos gustase".
Aquí deixámosvos as fotografías que ilustran o traballo. Felicidades ao grupo de alumnos por un traballo ben feito