Amosando publicacións coa etiqueta Anafreita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anafreita. Amosar todas as publicacións

18 de feb. de 2013

O gaiteiro da Anafreita

Marino Fariñas Menéndez (meu avó) ten setenta e seis anos. Naceu no Curral dos Mateos, na parroquia de Anafreita no ano 1936. Foi e é, un importante gaiteiro coñecido por todas as terras de Friol como o gaiteiro de Anafreita.
A súa historia comezou cando tiña tres anos. El vivía ao lado da casa dun señor que facía gaitas, José Fariñas Saavedra (que aínda que compartía apelido non era da súa familia). Un día, meu avó, colleu unha camisa de tirantes atouna a unha vara e facía que tocaba a gaita. José viuno facendo que tocaba e decidiu regalarlle un punteiro que xa non necesitaba. Meu avó moi contento aprendeu, así, as súas primeiras notas, ata que moito tempo despois, e cos seus aforros comprou unha gaita de verdade que lle fixo un sobriño do tal José, chamado Casimiro López. Seus pais opúñanse a que meu avó aprendese a tocar a gaita, pero el non fixo caso. Logo coñeceu a miña avoa, que en realidade eran curmáns pero xa afastados, namoráronse, casaron e tiveron dous fillos, un deles meu pai.
O meu avó andou polas terras de Friol tocando a gaita nas festas de Anxeriz, Samede, Miraz,..
As pezas que máis lle gusta interpretar son a muiñeira de Chantada e a xota de Lugo. Lembra que cobraba tres pesos (dez céntimos de €).
Nestes anos pasados, aprendeulle a tocar a gaita a miña irmá.
Aquí deixo un enlace por se queredes escoitar ao meu avó tocando unha muiñeira.
E premendo aquí escoitarédelo tocando unha xota

Nome da casa: Casa de Marino ou casa de Pardiñeiro
Lugar: Curral dos Mateos
Parroquia: Anafreita
Traballo feito por María Fariñas 

24 de feb. de 2011

Os consellos do corvo

Un corvo vello, antes de sacar os fillos do niño dáballes algúns consellos, para que souberan andar sen perigos pola vida.
Decíalles:
--Cando vexades vir un home, escapade, que vos pode matar. Se vedes que trae un pao furado, unha escopeta como eles din, escapade anque estea lonxe.Se vedes que baixa para coller unha pedra, escapades tamén aínda que estea lonxe.
Nisto, fala un dos corviños, e preguntoulle ao pai:
--E se trae a pedra no peto?
Contestalle o pai:
--Podeste ir,que xa sabes andar.
Recollido por Iria Fernández Buján de a súa avóa: 
Divina Vigo Morandeira (80 anos)
Anafreita