Amosando publicacións coa etiqueta Condes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Condes. Amosar todas as publicacións

25 de xuño de 2015

E para rematar... un relato: Nadal 2014

Día 22 de decembro de 2014. As vacas están en Narla no prado da Fraga. Ao mediodía chaman a mamá dicindo que as vacas están en Vilapedre. Imos ata alí e descubrimos que falta unha. Polo camiño de volta á Fraga pensamos cal é a que falta. Mamá pregúntame se vexo a Luana e eu dígolle que non , que falta a Luana. Mamá pensa que foi un ataque do lobo pero eu négome a pensar iso porque a quería moito.
A uns metros de entrar na Fraga as vacas páranse e non queren seguir. Forzámolas a ir e ao entrar no prado cerca da cancela hai sangue. Eu penso: tranquila Irea a Luana está viva. Mentres papá vai polo camiño que está ao lado da Fraga, Ada e eu quedamos coas vacas e fíxome en que se vai para arriba e empezan a cheirar. Eu vou xunto elas e vexo máis sangue. Póñome nerviosa e miro para os lados a ver se vexo a Luana. Vin os toxos con sangue e máis ao fondo estaba tirada a Luana co seu interior ao aire. Eu empecei a chorar e a gritar por papá. A Luana estaba morta comida polos lobos. Debeu pasar unha mala noite, correndo polo prado intentando escapar deles. Tiña nas patas as garras e os dentes deles. A Luana arrastrouse por debaixo do fío ata que acabaron coa súa vida.
Máis tarde díxenlle a papá que lle tiña cariño porque un verán iamos con eles ás mañás e mentres muxían, Ada e eu dabámoslle herba seca ás vacas que quixeran vir. Só se afixeron a vir a Luana e a Mazá. E neste 2014 as dúas se foron. A Mazá a principios e a Luana a finais de ano.
Este Nadal non foi dos mellores 
Composición de Irea Blanco Rodríguez (1º de ESO)
O Castro - Condes-

Notas:
1) Aínda que o texto foi escrito xa hai algúns meses, non fomos coñecedores del ata este mes de xuño no que a autora do mesmo permitiu a súa lectura e publicación.
2) A fotografía que ilustra o texto é o prado da Fraga en Pacios (S Pedro de Narla)

10 de mar. de 2015

O Castro,San Martiño de Condes

A peza que serve para termar das follas dunha ventá recibe o nome de: zanfoña.
É a casa de Arriba.
A información deuma miña nai Concha.
Irea  Blanco Rodríguez.

4 de feb. de 2015

San Xoán

Polo San Xoán se separas a clara e a xema dun ovo e a clara a botas nun vaso alto cheo de auga e a deixas á borrasca do San Xoán pola mañá aparece o teu destino. 
Hai xente que as usa para adiviñar o futuro.
Exemplos: Pode ser unha tumba ou un traxe de noivo. 
  
Informante:Amérita e Xurxo.
Relación:Avoa e pai. 
Idade:74 e 46. 
Nome da casa:Casa do Duque
Lugar parroquia:Fontes,Samede de Nodar e O Castro,Condes
Traballo feito por: Miguel López Bayo e Irea Blanco.

12 de xuño de 2014

O muíño da Calzada

Este muíño atópase no barrio de Santa Eufemia, na parroquia de San Martiño de Condes, municipio de Friol, provincia de Lugo.
O muíño está feito de pedra. Ten un almacén onde se gardaban os sacos de trigo, centeo, millo e fariña.Ten máis de un século de antigüidade. Obtiña a enerxía para moer, a través da forza da auga do río O Porto Xesteiro
Hai 30 anos que este muíño está parado pola morte do muiñeiro, coñecido co nome de “o señor Pepe”, que moía, o trigo, o centeo, e o millo de todos os veciños e el quedaba cunha parte dos cereais que traían; a chamada maquía.
Na actualidade, a este muíño fáltanlle moitas pezas principais e está abandonado, pero en tempos era imprescindible, e moi importante porque de alí saía a fariña para facer o pan. 
Informante: María José García Lamas
Idade: 42
Relación: Nai.
Casa do Medio (San Martiño de Condes)
Recollido por: Juanma Sobrado García.

18 de mar. de 2014

SANTA EUFEMIA

A lenda conta que hai moito tempo, nun lugar da parroquia de Condes, houbo a aparición de Santa Eufemia. A aparición da Santa ocorreu un día cando a xente estaba pastoreando o gando.
Na súa honra levantouse unha capela, puxéronlle o seu nome ao lugar. De aí o nome de SANTA EUFEMIA. 
O prado onde se produciu a aparición bautizárono co nome de “Prado da Capilla “. 
En todas as construcións que se facían, poñíanlles símbolos relixiosos (cruces, campanarios …) , ao hórreo, ao muíño, ás casas, … 

Informante: María José García Lamas
Idade:42 anos
Relación: Nai
Casa: Casa do Medio
Lugar: O Castro
Parroquia:San Martiño de Condes
Recollido por: Juanma Sobrado García

30 de nov. de 2013

Josefa e Manolo

Xoán era un home moi bo pero un pouco pesado. Un día Xoán e mais Linda separáronse, e  Xoán non sabía facer a comida e foi á casa de Josefa e mais Manolo. Estes non sabían que se separaran. Era de noite e despois da cea puxéronse os tres a xogar ás cartas. Cada vez víase mais escuro. Cando chegou a hora de que Xoán marchase para casa foise pero con moito medo.
Outro día volvía estar alí. Cearon o pan que facía Josefa mais Manolo e o queixo que facía Josefa da vaca que tiña; e o lambón do Xoán  comíao todo. Cando foi para casa volveu outra vez con moito medo.
Noutra ocasión, Manolo colleu unha lata furouna por baixo e meteulle brasas e Xoán coma sempre volveu, ceou, xogou as cartas e foise para casa. 
Pero no medio do camiño encontrou as brasas soltando chispas co aire e Xoán tiña moito medo. Por se isto era pouco fórao acompañando un lobo por todo o camiño e Xoán tiña moito medo pero non lle pasou nada .
Nunca volveu e aprendeu a facer a comida el só.

Informante :Carmen Blanco Vázquez .          
Idade : 82 anos .         
Relación :é a miña  avoa                  
Casa : Cardeiro      
Lugar : Racamonde              
Parroquia :  Condes
Conto recollido por María Carballido Castro

11 de maio de 2013

Unha meiga con patas de cabra


Un arrieiro ía no seu carro por un camiño.Unha muller moi vella que estaba ao lado dunha árbore, fíxolle acenos para que parase. O arrieiro parou. A vella ao subir ao carro enganchou nun cravo as saias, e foi cando o home viulle as patas de cabra á boa da vella e marchou daquel lugar.
Senón seguro que a meiga lle houbese botado unha maldición que faría que o matase.
Informante: Josefa Nuñez Cobas (a miña nai). 
Idade:49 anos 

Lugar: Condes. 
Casa: Casa de Telmo. 
Parroquia: Condes. 
Recollido por Alex Telmo

15 de abr. de 2013

A capela da Devesa

Hai máis de corenta anos na capela da Devesa, os donos, que vivían en fronte á capela, tiveron unha filla moi riquiña.
Neses días había alí un carpinteiro que estaba amañando o teito da capela.
Un día mostráronlle a nena ao carpinteiro, e este dixo:
--" Que rapaza máis bonita".
Os anos pasaron. Ela e mailo carpinteiro namoráronse pese a diferenza de idade e comezaron a ser noivos, e tempo despois casaron.
Informante: María Paz
Anos:48
Relación: Madriña de David
Lugar: Condes

Samantha Franco, David Penas e Alex Telmo.

25 de feb. de 2013

O muíño de Xulacasa


Hai moitos anos no antigo muíño de Xulacasa, había un home que sempre ía traballar alí para vender a fariña. Un día foi co seu fillo, que tiña sobre 6 anos de idade, e mentres que o pai  traballaba, o fillo foi xogar nos arredores do muíño, de repente o pai escoitou un ruído estremecedor e rapidamente saíu fóra para ver o que ocorrera. 
Viu o seu fillo no pozo, o pai colleu un desgusto moi grande xa que se tivo que ir dese muíño porque ás veces vía o seu fillo. Cando se ía ir decidiu vender o muíño para sacarse un peso de encima, que o comprou meu avó. Actualmente está abandonado.

Informante: Jose Antonio Penas Rodríguez 
Relación: Meu pai.
Anos: 48 
Parroquia: Condes 
Casa: O Herdeiro  
Traballo feito por Álex Telmo, Samantha Franco e David Penas 

14 de xan. de 2013

O raposo e o galo

Había unha vez un raposo e un galo que ían buscar galiñas. Pero ao non as atopar, o raposo díxolle: 
--Teño moita fame voute comer. 
E o galo respondeulle: 
--Espera un pouco que pronto atoparemos galiñas. 
O raposo decidiu esperar. O galo viu que o raposo se abalanzaba sobre el e decidiu subir a unha árbore. O raposo mandoulle baixar e díxolle que se non baixaba que cortaba a árbore co seu rabo.
O galo desde arriba cantaba: 
--Serra que te serra que rabo de raposo non corta árbore!. 
Informante:Fina. 
Relación :Nai.   
Anos:45 
Casa de Telmo
Parroquia:Condes. 

O raposo de rabo branco e o raposos do rabo negro

Había unha vez dous raposos que non se levaban ben entre eles. Un deses raposos tiña o rabo branco e o outro tiña o rabo negro.
O raposo do rabo negro sempre comía galiñas e case sempre se burlaba do outro; pero un día o raposo que tiña o rabo branco decidiu ir ao galiñeiro máis cercano e encherse a comer pitas, pero tan rápido como entrou no galiñeiro, o galo chamou aos cans. Os cans puxéronse a ladrar coma tolos e os homes saíron mirar o que pasaba e viron ao raposo, pechárono mentres ían pola escopeta. Pero mentres ían pola escopeta o raposo arrincoulle as plumas a unha galiña negra e púxoas onda a porta do galiñeiro e cando viñeron os homes díxolles:
--Eu non fun mirade!  Por aquí veu Xan (así se chamaba o outro raposo) non vedes que lle caeron unhas plumas do rabo?.
Os homes miraron e viron que si, que fora o outro raposo e preguntáronlle:
--E ti sabes onde vive?
--Claro! Soltádeme que vos levo xunto a el nun minuto.
Tan rápido o soltaron escapou monte a riba ríndose e burlándose dos homes.
Informante: José Antonio Penas Rodríguez
Relación: Meu pai
Idade: 48 anos
Casa do Herdeiro
Parroquia: Condes

Os cochos suben polas paredes!!!!!!!!

Antes a nai de miña avoa tiña tres cochos. Ela un día foilles dar de comer e como ía enfadada fixo que os cochos subiran pola parede arriba. 
Ao día seguinte os cochos dixéronlle a nai de miña avoa: 
--Dános de comer! (gritaron os tres cochos ao mesmo tempo). 
E a señora como non lle gustou da maneira que lle falaron fixo que subiran outra vez pola parede arriba, pero só que esta vez os cochos morreron, de tanto mareo. 

Informante: Esther Rodríguez Busto
Anos: 72
Relación: Avoa
Casa de Chento, Mundín
Parroquia:Seoane da Pregación

13 de dec. de 2011

O cabeceiro da Torre (Condes)

Esta construción fíxoa meu avó Ángel Baamonde Franco no ano 1987. Está feita de varas de salgueiro. O teito está cuberto cunhas xestas, un plástico e uns paos. A porta está feita de madeira de piñeiro, o seu interior está pisado de táboas. De ancho mide 1 metro, de alto 2 metros e de longo 4 metros. Normalmente usábase para gardar o millo e seguímolo usando.

24 de mar. de 2011

A lenda do sabugo

Unha lenda sobre o sabugo di que, o que pase por debaixo del e lle toque a algunha das súas pólas, xa pode saber ben o que mide, pois se vai quedar a esa altura para toda a súa vida.

Recollida en Arriba, Condes. 

Contada por Herminia Barreiro, avoa de Adrián (72 anos)

10 de feb. de 2011

Habelas hainas

Hai anos, un home que era canteiro, cando regresaba pola noite do seu traballo cara a súa casa, todos os días atopábase cunha vella fiando o liño na roca. A vella non lle falaba e escondía a cara. Entón o home, a partir deste momento, tiña moito medo, incluso vía luces no ceo. 
Eran as meigas! 
Tamén se decía que a vella era unha veciña do lugar que pola noite vixiaba que a auga dunha fonte próxima fora regar ó seu prado, e non ó dos veciños. 
Este canteiro evitaba pasar por ese lugar sempre que fose noite, xa que naqueles tempos camiñábase a pé. 
Anos máis tarde, cando abondaba a pólvora, o home dicía que xa non había meigas, pois elas tiñan medo aos tiros.

Contado por J Antonio Penas—pai--(46 anos) 
Condes
Recollido por Miguel Penas Boado.

A lenda da Pena da Moura


A Pena da Moura era unha pedra redonda duns 20 metros cadrados, aproximadamente. Estaba montada enriba de tres chantos que estaban cravados de punta. Dicían que a trouxera unha muller negra na cabeza, que viña fiando lá nunha roca. Abrigábase a xente debaixo dela. E todo iso estaba nun prado de meu avó. Na actualidade a pena foi desfeita por unha escavadora e coa súa pedra fixeron un valado.

Publicado por Grupo Condes (Adrián García Fraga, Javier Sánchez Burgos e Miguel Penas Boado)