Amosando publicacións coa etiqueta Trasmonte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Trasmonte. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2012

O merlo e a formiga

Era un merlo que sempre andaba rindo dunha formiga porque esta traballaba todo o verán. Cando chegou o inverno e nevaba e ía moito frío, o merlo non tiña que comer.
Entón díxolle á formiga:
--Dásme un boliño de pan?
E respondeulle a formiga:
--Chirlo merlo,
mentres andabas de póla en póla,
axuntaras comidiña para o inverno.
Entón o merlo fachendoso contestoulle:
--Deixa vir o mes de xuño
que comerei cereixas coma un puño.
Así o merlo por non axuntar comida todo o verán tivo que pasar moi mal todo o inverno porque non tiña que comer.
Contoumo miña avoa.

20 de mar. de 2012

Máis cousas sobre Trasmonte

Muíño:
Estiveron 3 xeracións da mesma familia de muiñeiros en Bouzaboa. Os decendentes que quedaron non quixeron seguir coa tradición e vendéranllo a un señor de Inglaterra que o reformou. Leva moitos anos parado.
En tempos pasados tamén había outro máis antigo en Ponterío que pertencía á casa de Bóveda. Este caeu pero aínda seguen estando as pedras. A pena é que o abandono dos arredores evita acercarse.

Casa Grande:Casa de Bóveda
Está en Vilarmende e era unha casa moi rica. Tiña unha capela co Santo do Cosme. Porque antes había un cura que misaba. Cando morreu viña misar ó da parroquia cada 15 días pero finalmente só acabaron misando o día do San Miguel, o 29 de setembro. Actualmente xa non hai misa. Esa casa tiña 4 caseiras, por iso posuía un muíño propio e moitas propiedades, ademais de 3 casas máis pequenas. Agora esas 3 están derruídas, só hai restos de paredes. E na casa principal aínda viven caseiros.
Festas de Trasmonte
Antes celebrábase o último domingo de maio en honra á Virxe dos Milagres e o 29 de setembro en honra ao San Miguel. Actualmente celébrase o último fin de semana de maio en honra á Virxe dos Milagres.
Esta información achegóunola a avoa de Lucía, Fé, de Pedrafita da casa de Xeixo. Ten 86 anos.

31 de xan. de 2012

Trasmonte

Na nosa parroquia déronos moita información. Hai:
Costureiras:
1- Inés da Casa do Zapateiro, 65 anos
Información:
Antigamente facíanse case todas as prendas: pantalóns, vestidos, combinacións, calzóns, saias, blusas, xerseis... Ela cosía polas casas e na súa casa. Empezou aos 19 anos e coseu ata que morreu o seu home, que era zapateiro, ata os 60.

2-Josefa da Casa de José Antonio, 60 anos
Información:
Foi costureira moi nova, ós 18 anos, e tiña a 3 mulleres cosendo para ela. O taller tíñao na casa.

Cantigas:
O amor de costureira
era papel e mollouse
agora costureiriña
o teu amor acabouse.

Costureiriña bonita
dime onde tes a cama:
--No puleiro das galiñas
cunha presiña de palla.

Información sobre o sartego de Trasmonte:
Informante: Josefa de José Antonio
Os nenos que nacían mal: se tiñan as pernas cruzadas, eran delgadiños, medraban pouco... Tiña que lavalos no sartego unha María. Despois había que deixar unha prenda do neno e ir sen parar en ningún lugar a Carlín para alí lavalos nunha fonte e volver deixar unha prenda.

Músicos:
José Valiño Parga Casa de Valiño 70 anos
Información:
Tocaba a batería na orquestra Acapulco 81. Eles ían as verbenas de todo Galicia, León e Asturias.
Mari Carmen Casa de Cadete 63 anos
Información:
Infórmanos de que dicía súa nai que antigamente cando había sequía ían en rogación ata o cruceiro que hai no castro pidindo que chovera.
Tamén di que a fonte do Torno era moi importante antigamente posto que como non había auga traída ían todos a esa fonte por auga.
Lendas:
Díxonos que di unha lenda que séculos atrás no castro había unha galiña que tiña 100 pitiños de ouro.
Trina Casa do Grilo 77 anos
Cóntanos que hai unha lenda sobre o sartego que asegura que unha vez un home quixo levantalo e quedou cego para toda a súa vida.

24 de xan. de 2012

A lenda das tres campás

Había 3 campás: a da igrexa de Anxeriz, a de Carlín e a de Transmonte que cando tronaba, os lóstregos acostumaban a irlles ás campás das igrexas.
De feito o campanario de Anxeriz foi afectado por un lóstrego. Debido ao medo que se lle tiña ás tronadas, tocaban as campás desas 3 igrexas, e a ser posible ao mesmo tempo, e a tronada espelíase.
Tense oído que un día falou un lóstrego e dixo:

"Non me podo achegar
que se botan a min
a campá de Trasmonte,
a de Anxeriz
e a Charapela de Carlín. "
A Charapela, facía referencia á campá de Carlín, que era a que mellor tocaba das tres.

Isto contoumo :

Álvaro Santos Ramos .
De 31 anos.
Da casa de Laxe, que está en Sisto na parroquia de Anxeriz.
Recollido por Antonio Martín

25 de nov. de 2011

A señora pobre e a súa cocha

Era unha señora moi pobre que tiña unha cocha. Como se marchaba oito días pedir e non volvía á casa deixoulle comida á cocha para que a repartira.
-Cocha: quédache aquí un ferrado de pan para que o repartas entre os días que estou fóra.Vouche contar os días que que non estou para que saibas canto tes que comer cada día.--díxolle a señora-- Un
--Oink- roncou a cocha.
--Dous-- volveu dicir a dona.
--Oink-- respondeu a cocha.
--Tres.
-Oink- contestou outra vez a cocha.
E así contou ata oito días. Despois a señora marchou pedir. Cando regresou sorprendeuse ao encontrar a cocha morta de empachamento porque comera todo xunto.
Contoumo a miñá avoa Fe, ten 84 anos, é de Pedrafita (Guitiriz)