Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

25 de xuño de 2015

E para rematar... un relato: Nadal 2014

Día 22 de decembro de 2014. As vacas están en Narla no prado da Fraga. Ao mediodía chaman a mamá dicindo que as vacas están en Vilapedre. Imos ata alí e descubrimos que falta unha. Polo camiño de volta á Fraga pensamos cal é a que falta. Mamá pregúntame se vexo a Luana e eu dígolle que non , que falta a Luana. Mamá pensa que foi un ataque do lobo pero eu négome a pensar iso porque a quería moito.
A uns metros de entrar na Fraga as vacas páranse e non queren seguir. Forzámolas a ir e ao entrar no prado cerca da cancela hai sangue. Eu penso: tranquila Irea a Luana está viva. Mentres papá vai polo camiño que está ao lado da Fraga, Ada e eu quedamos coas vacas e fíxome en que se vai para arriba e empezan a cheirar. Eu vou xunto elas e vexo máis sangue. Póñome nerviosa e miro para os lados a ver se vexo a Luana. Vin os toxos con sangue e máis ao fondo estaba tirada a Luana co seu interior ao aire. Eu empecei a chorar e a gritar por papá. A Luana estaba morta comida polos lobos. Debeu pasar unha mala noite, correndo polo prado intentando escapar deles. Tiña nas patas as garras e os dentes deles. A Luana arrastrouse por debaixo do fío ata que acabaron coa súa vida.
Máis tarde díxenlle a papá que lle tiña cariño porque un verán iamos con eles ás mañás e mentres muxían, Ada e eu dabámoslle herba seca ás vacas que quixeran vir. Só se afixeron a vir a Luana e a Mazá. E neste 2014 as dúas se foron. A Mazá a principios e a Luana a finais de ano.
Este Nadal non foi dos mellores 
Composición de Irea Blanco Rodríguez (1º de ESO)
O Castro - Condes-

Notas:
1) Aínda que o texto foi escrito xa hai algúns meses, non fomos coñecedores del ata este mes de xuño no que a autora do mesmo permitiu a súa lectura e publicación.
2) A fotografía que ilustra o texto é o prado da Fraga en Pacios (S Pedro de Narla)

26 de feb. de 2015

Conto da miña avoa

Era un corvo moi fachendoso e unha raposa moi astuta, o corvo fora roubar un cacho de queixo, e, a raposa, que levaba días sen comer e era máis astuta ca o corvo, díxolle:
--Oe, tes unha plumaxe do máis fermosa, un pico ben limpo, pero, saberás cantar ben?
O corvo dispúxose a cantar, e ao abrir o pico para comezar, o cachiño de queixo caeulle para o chan, a raposa, foi polo cacho de queixo, e despois escapou polo monte abaixo.

Informante:Divina 
Idade:61
Casa:Serén
Lugar, parroquia:Argá de Abaixo, Carlín
Relación:Avoa

4 de feb. de 2015

O raposo o cárabo e a aguia

Era unha vez  unha aguia  que tiña un niño na cima dun pino e tiña fillos.
Un día  pasou por alí un raposo, viuna e díxolle: 
--Aguia dáme un dos teus fillos ou  mañá cando  volva  por aquí  tíroche o pino co meu rabo.
A aguia  quedou moi triste.
Pasou por alí un paxaro chamado cárabo e  viuna  moi triste e preguntoulle:
--Que che pasa aguia?
--Estou triste porque pasou por aquí un raposo e díxome que se non lle daba  un fillo tirábame o pino co seu rabo.
E contestou o cárabo:
--Pero aguia se os rabos dos raposos non cortan os pinos senón as machetas dos leñadores.
Volveu o raposo ao día seguinte e díxolle:
--Aguia ou mo dás ou che tiro o pino co meu rabo.
--Os raposos non tiran os pinos cos rabos senón os leñadores coas súas machetas-- contestoulle a aguia
--E a ti quen che dixo iso aguia?
--O cárabo.
Outro dia o raposo viu  o cárabo nun toxo  cantando:
--Chiri chiri chiri...
O raposo botoulle a boca  e o cárabo díxolle:
--Gustaríame oír que con esa túa voz voz dixeras: "O cárabo eu comín"
Mentres o raposo abría a boca para dicilo, o cárabo escapou mentres dicía:
"a outro tonto que non a min".

Informante: Amelia Rodríguez
Idade:50 anos
Recollido por Adrián Lodeiro
Parroquia: Lamas

3 de feb. de 2015

Meu tío e as ovellas

Unha vez meu tío cando era pequeno foi coas vacas e coas ovellas para unha chousa que tiña un río moi grande ao lado.
Meu tío foi xogar cos seus amigos cando se deu contra a noite. As vacas estaban ao lado da buqueira e faltaban as ovellas. Cando chegou a casa deuse de conta, foran buscalas pero non as encontraron.
Súa nai botoulle unhas oracións (responsos). Para o outro día foron buscar as ovellas que estaban deitadas onda o río. Estaban nun sitio seco e todo arredor tiñan un círculo todo estaba esmagado suponse que fora o lobo.

Informante:Constantino
Relación:Tío
Idade:56
Parroquia:Bidueiro
Traballo feito por :Cristian

16 de dec. de 2014

O Bicho de Brañas

Había un home que viña das mozas de noite, tras del viña o lobo.
O lobo quería trabarlle  ao home e este deu  en berrar:
-- Homes aquí que me come o bicho!
Como este home berraba cerca das casas sentírono dúas persoas que estaban durmindo e levantáronse. 
O señor tiña un río que cruzar e os donos da casa dixéronlle que non tivese medo. Cando chegou á ponte estaba o lobo sentado no medio. Logo chegaron os donos da casa e o lobo colleu medo e escapou e o home salvouse .
O home chamábase Benigno e a raíz do que berraba quedoulle o alcume da Casa do Bicho de Brañas.


Informante:JOSÉ BUJÁN ROCA
Idade:83 ANOS
Relación :AVÓ
Casa:ALBERTE
Lugar:BIDUEIRO
Parroquia:NODAR

Un avó e o seu burro

Érase unha vez un burro chamado "Jardinero" que vivía como  un auténtico burro, o seu traballo consistía en levar o trigo ao muíño para moer, levar o seu amo ás feiras ou a sitios lonxe.
Érase tamén un home ao que lle gustaba moito a caza (neste caso meu avó) gustáballe tanto que el cazaba durante todo o ano, en época de caza e mais cando non o era.  Isto de cazar fóra de época deulle algún que outro desgusto, pero miña avoa  e el tiñan un sinal para cando había problemas.
Un día pola tarde coma outros moitos, meu avó saíu a cazar cando non se podía, e xa o tiñan fichado porque sospeitaban del. A Garda Civil andáballe detrás e xusto ese día estaban pola zona, foi escoitar dous tiros e xa viñeron directos á casa preguntar onde estaba o home da casa. Miña avoa contoulles que andaba a buscar o burro que escapara e tiñan que encontralo antes da noite. 
Foi marchar eles e miña avoa botase a correr costa arriba, había que poñer o sinal en marcha e este consistía en berrar:
--Jardinero ven! Jardinero ven! Jardinero ven!
Esta vez berraba máis forte que outras veces, o perigo era evidente. E meu avó cando oía o sinal respondía orneando coma se fose o burro ( sempre presumía de saber ornear moi ben ) así a avoa xa sabía que estaba ao tanto. Pero este día de tanto berrar e de tanto ornear ata o burro se puxo nervioso e botouse da chousa onde estaba encerrado. 
Meu avó deuse desfeito dos coellos que cazara e acababa de esconder a escopeta ao lado dun valado e tapala cuns fieitos cando viu chegar o burro onda el, nunca na vida se alegrou tanto de ver o seu burro, montouse nel e xa viu chegar ao lonxe á Garda Civil, que ao chegar onda el, déronlle as boas tardes e preguntáronlle que facía polo monte. Meu avó respondeulles que andaba buscando o burro que as veces escapaba buscar mozas. Tamén lle preguntaron se oíra disparos ou vira a alguén, meu avó díxolles que escoitara dous tiros de escopeta pero que non vira a ninguén. Cada un seguiu o seu camiño; meu avó cara a casa no burro, e a Garda Civil a buscar ao que estaba cazando. Menos mal que meu avó estaba montado no burro porque as pernas lle temblaban como se fosen vimbios.

Informante: Victorino
Idade: 78 anos
Relación: avó
Nome da casa: Casa de Arrieiro
Lugar, parroquia: Gonce, Vilafiz
Historia recollida por Vanessa Blanco Cruz


4 de dec. de 2013

As verrugas o can e o pan

Conta a lenda que unha señora de Madelos coceu unha fornada de pan. Ela tiña moitas verrugas nas mans e púxolles unhas tortas quentes. De repente, polo olor a pan, chega o can larpeiro do veciño. 
E díxolle a señora: 
-Toma can verrugas e pan. 
A señora quedou sen verrugas e as verrugas foron para o can. 

Informante: Ángela Elvira Fernández Ferro
Idade: 7
Relación: Avoa           
Casa: Modesto      
Lugar: Córneas    
Parroquia: Madelos   
Recollido por: Roberto Fernández Saavedra

30 de nov. de 2013

O lobo e a galiña

Unha vez un lobo que non comera decidiu facer como o raposo, pero tiña un problema: o lobo non saltaba tan alto, non tiña sixilo nin nada.
Despois de haber papado unha ducia de crías de coello decidiu ter un fillo raposo para que lle collera todas as pitas que requisara, e xuntouse cunha raposa.
Tiveron  un fillo medio raposo medio lobo e mandáballe ir todos os días a por unha pita e dixo o raposo:
--Eu xa estou farto de todo...... Écheme ben igual todo!
--Pois a min tamén, quero ter noiva e ser libre non andar todos días indo por unha pita......Chao.
--Pois adeus xa non te quero.
--Puf!
E desde entón os raposos non teñen trato cos lobos.

Informante:Ghio-mar Quiñoá Alonso.
Idade:36 anos
Lugar:Bravos,Vicinte. _Outeiro de Rei
Recollido por Antón Menán Quiñoá.

Maruxa e a raposa

Maruxa estaba un día na súa casa na cama durmindo. Entroulle unha raposa pola ventá. Durmiu toda a noite con ela e pola mañá, estaban as dúas durmindo placidamente, entra o marido pola porta, e mete un berro, espertan as dúas, a muller berra, a raposa berra e o home tamén.Baixa o marido de Maruxa polas escaleiras buscar a escopeta para a matar. Mentres, a raposa e a muller crean un vínculo e cando sobe o home, Maruxa non deixa que mate a raposa, porque se fixeran amigas. 
O marido aceptouno de mal gusto.
Maruxa envelleceu coa raposa coma a súa mascota.
Todos os veciños pensaban que estaba tola, pero ao ver o boíña que era a raposa todos aceptárona coma un can ou gato calquera. 

Informante: Alberto Rumbo
Idade: 71
Nome da casa: casa de Tarbes
Relación: avó paterno
Parroquia: Cambre . A Coruña

O raposo astuto

A un home moi gracioso, un día apeteceulle enganar a un raposo. Colleu un cesto e meteu debaixo a un can. E díxolle a un raposo:
--Téñoche unha sorpresa
--Cal? a ver? a ver?-- dixo moi entusiasmado.
--É unha galiña, téñocha gardada debaixo daquel cesto.
Pero o raposo era moi listo e díxolle:
--¡Pita será pero óleme a can!

Informante:José Manuel
Idade:51
Relación:meu pai
Casa:Rulo
Lugar:Rexidoira
Parroquia:Cota

22 de nov. de 2013

A amizade

Había unha vez unha abella e unha formiga que eran moi amigas. 
Un día, a abella tiña que viaxar e deixoulle a cargo a súa casa.
Á formiga encantáballe o mel que facía a abella e decidiu ir á despensa para comerlle un pouco; pero detívose a pensar que se eran amigas non debería facer iso. E non o fixo.
De alí a uns días, a formiga tiña que  marchar de viaxe e por suposto deixoulle a cargo a súa casa á abella.
Ao día seguinte a abella entrou na casa da formiga e dixo:
-- Bah! estou ben segura de que cando lle deixei a cargo a miña casa, entrou na miña despensa. Desde logo soubo facelo ben porque por máis que busquei non encontrei ningunha pista de que alí estivese.
E a abella empezoulle a comer os froitos dos que a formiga tiña para pasar o inverno.

Informante: Josefa
Idade:79
Lugar: Mondri
Parroquia: Mondriz (Castro de Rei)
Relación: Avoa

14 de xan. de 2013

Uns raposos

Había unha vez uns raposos que foron comer galiñas. Cando acabaron, os cans da casa saíron tras eles. Os raposos conseguiron librarse dos cans, pero cando estaban a salvo empezaron a discutir quen era o que comera máis galiñas. 
Despois o raposo máis sabio dos arredores propuxo que quen comera máis galiñas espertaríase coa barriga ben quente. O culpable da disputa entre os raposos para que non lle botaran a culpa a el propuxo unha sesta, e cando xa estaban durmidos mexoulle a outro raposo na barriga. E cando espertaron botáronlle a culpa ao outro e el marchouse sen culpas e non se volveu a saber nada del.
Informante: José Combo Blanco
Anos:81
Parroquia:Carballo
Aldea:Laxe
Casa do Combo.
Relación:  é meu avó

O raposo e o galo

Había unha vez un raposo e un galo que ían buscar galiñas. Pero ao non as atopar, o raposo díxolle: 
--Teño moita fame voute comer. 
E o galo respondeulle: 
--Espera un pouco que pronto atoparemos galiñas. 
O raposo decidiu esperar. O galo viu que o raposo se abalanzaba sobre el e decidiu subir a unha árbore. O raposo mandoulle baixar e díxolle que se non baixaba que cortaba a árbore co seu rabo.
O galo desde arriba cantaba: 
--Serra que te serra que rabo de raposo non corta árbore!. 
Informante:Fina. 
Relación :Nai.   
Anos:45 
Casa de Telmo
Parroquia:Condes. 

A raposa e as uvas


Había unha vez unha raposa que tiña moita fame e viu unha parra que tiña unhas uvas, e intentounas coller. Saltou, correu, volveu a saltar... pero non as conseguiu coller, e dixo:
- Total, están verdes!.

Informante: Víctor Manuel Corral Pérez
Casa: Carrolo
Lugar: Montecelos
Parroquia: Narla
Idade: 37 anos
Relación: Pai

O raposo de rabo branco e o raposos do rabo negro

Había unha vez dous raposos que non se levaban ben entre eles. Un deses raposos tiña o rabo branco e o outro tiña o rabo negro.
O raposo do rabo negro sempre comía galiñas e case sempre se burlaba do outro; pero un día o raposo que tiña o rabo branco decidiu ir ao galiñeiro máis cercano e encherse a comer pitas, pero tan rápido como entrou no galiñeiro, o galo chamou aos cans. Os cans puxéronse a ladrar coma tolos e os homes saíron mirar o que pasaba e viron ao raposo, pechárono mentres ían pola escopeta. Pero mentres ían pola escopeta o raposo arrincoulle as plumas a unha galiña negra e púxoas onda a porta do galiñeiro e cando viñeron os homes díxolles:
--Eu non fun mirade!  Por aquí veu Xan (así se chamaba o outro raposo) non vedes que lle caeron unhas plumas do rabo?.
Os homes miraron e viron que si, que fora o outro raposo e preguntáronlle:
--E ti sabes onde vive?
--Claro! Soltádeme que vos levo xunto a el nun minuto.
Tan rápido o soltaron escapou monte a riba ríndose e burlándose dos homes.
Informante: José Antonio Penas Rodríguez
Relación: Meu pai
Idade: 48 anos
Casa do Herdeiro
Parroquia: Condes

Os cochos suben polas paredes!!!!!!!!

Antes a nai de miña avoa tiña tres cochos. Ela un día foilles dar de comer e como ía enfadada fixo que os cochos subiran pola parede arriba. 
Ao día seguinte os cochos dixéronlle a nai de miña avoa: 
--Dános de comer! (gritaron os tres cochos ao mesmo tempo). 
E a señora como non lle gustou da maneira que lle falaron fixo que subiran outra vez pola parede arriba, pero só que esta vez os cochos morreron, de tanto mareo. 

Informante: Esther Rodríguez Busto
Anos: 72
Relación: Avoa
Casa de Chento, Mundín
Parroquia:Seoane da Pregación

Un burro tristón

Había unha vez un burro que era maltratado; como era moi vello íano sacrificar. O burro chámase Lorenzo pero a pesar de que é un animal tiña máis coñecemento cá xente que o tiña na súa casa. Porque el cantaba e falaba pero ninguén da casa o sabía.
O burro Lorenzo era máis listo e como oíu que o ían sacrificar decidiu escapar e ganarse a vida como músico "callejero". Lorenzo era moi marchoso. Empezou a tocar unha harmónica. Segundo ía percorrendo o camiño deuse conta que había máis animais que fuxían da mesma situación. Un can que tocaba a frauta, un gato que tocaba unha guitarra e un galo que cantaba.
Entre eles decidiron formar un grupo musical para ganarse a vida e ter onde comer, durmir e vivir.
Un día ao caer a noite, os animais ven luz nunha casa e deciden ir vixiar a  ver quen vive nesa casa. Cando se asoman a unha ventá, danse conta de que alí viven uns ladróns de animais. Lorenzo e os seus amigos deciden asustar aos ladróns de animais e téndenlles unha trampa. Fixéronlles crer que eran fantasmas un por encima dos outros cantando. Cando os ladróns se deron conta, os animais atacáronnos todos a vez, os ladróns asustáronse e escaparon correndo crendo que vivían bruxas e seres perigosos. Lorenzo dálle liberdade a todos os animais.
E decidiron quedar a vivir na casa dos ladróns e foron todos felices.

Informante: Constantino Fraga Redondo.
Idade: 52 anos.
Lugar: Guldriz de Arriba; parroquia: Guldriz.
Relación: Meu pai.

O raposo e o lobo

Era un inverno de xeadas e frío. Un lobo e un raposo que se levaban medianamente ben non tiñan para comer e decidiron plantar una leira e cebar un cocho. Pero quen traballaba era o lobo, o raposo era moi fino e non quería manchar as mans e facía que traballaba.
De alí a un pouco deulle a fame e fixo que o chamaban. O lobo que era un tonto díxolle que fora e que el xa ía facendo o traballo, o raposo foi directo a comer o porco que cebaran, mataran e esconderan. 
O lobo xa tiña todo feito e tiña fame entón díxolle ao raposo se ían comer o cocho e foron para alá. O lobo buscou e buscou e non atopou nada, pensou un pouco e deuse de conta que o raposo non fora a bautizo algún, que fora comer o porco. Entón díxolle:
--Ti comiches o porco eu quedo coa leira e co que ten plantado.
Ao raposo non lle quedou máis que aceptar. O raposo pasou fame todo o inverno e o lobo tivo comida a fartar.
Informante: Manolo.
Relación: Tío da miña avoa.
Anos: Uns 90.
Casa: Casa de Vigo de Pacios.
Parroquia: Narla

10 de xuño de 2012

O merlo e a formiga

Era un merlo que sempre andaba rindo dunha formiga porque esta traballaba todo o verán. Cando chegou o inverno e nevaba e ía moito frío, o merlo non tiña que comer.
Entón díxolle á formiga:
--Dásme un boliño de pan?
E respondeulle a formiga:
--Chirlo merlo,
mentres andabas de póla en póla,
axuntaras comidiña para o inverno.
Entón o merlo fachendoso contestoulle:
--Deixa vir o mes de xuño
que comerei cereixas coma un puño.
Así o merlo por non axuntar comida todo o verán tivo que pasar moi mal todo o inverno porque non tiña que comer.
Contoumo miña avoa.

O galo e o raposo

Un día pola mañá cedo o galo andaba polo prado endiante correndo e saltando. As galiñas puxéronse en círculo e o galo andaba dando voltas arredor das pitas.
Cando saiu miña avoa viu ao raposo marchar .
Agora xa sabemos cando vén o raposo ou cando non porque se vén, o galo anda nervioso.

Informante: Carmen Fariñas
Idade: 87 anos
Relación: A miña avoa
Lugar: A Florida
Parroquia: Miraz