Amosando publicacións coa etiqueta Tradicións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tradicións. Amosar todas as publicacións

4 de feb. de 2015

San Xoán

Polo San Xoán se separas a clara e a xema dun ovo e a clara a botas nun vaso alto cheo de auga e a deixas á borrasca do San Xoán pola mañá aparece o teu destino. 
Hai xente que as usa para adiviñar o futuro.
Exemplos: Pode ser unha tumba ou un traxe de noivo. 
  
Informante:Amérita e Xurxo.
Relación:Avoa e pai. 
Idade:74 e 46. 
Nome da casa:Casa do Duque
Lugar parroquia:Fontes,Samede de Nodar e O Castro,Condes
Traballo feito por: Miguel López Bayo e Irea Blanco.

9 de dec. de 2014

A Fonte da Virxe do Ermo

A Virxe Do Ermo, esta santa apareceu no Agro da Cruz, de alí trouxérona para a igrexa e escapou para o Agro da Cruz.
Despois fixéronlle a capela, e quedouse, non marchou. A partir diso celebran unha festa o 25 de marzo, no seu honor. 
A continuación hai o sartego, os nenos que nacen con algunha eiva, hai que ir a Trasmonte e lavalos nunha fonte que hai alí. Para o sartego ten que ir unha muller que se chame María, que é quen os lava. Logo hainos que levar a Carlín, e ten que ser a mesma María que o lavou en Trasmonte. Hainos que lavar na fonte. Non na capela. Hai que lavalo cun trapo branco, e despois colgalo alí onda unha silveira, e deixalo quedar alí.
Para a fonte viña xente de todos os lados, de Lugo, Rábade...andando, a ver esta santiña. Neste lugar hai un cruceiro grande, que fixeron hai pouco.

Informante:Estrella
Relación: Veciña
Idade:85 
Casa:Carqueixal 
Lugar, parroquia:Taín, Carlín 
Traballo:Jonathan Vázquez

15 de nov. de 2012

Arredor da castaña

Nesta entrada publicamos aqueles retallos da literatura oral que recolleu o alumnado de 1º de ESO estes días nos que se celebra por Galicia adiante as festas dos magostos.

Ditos e refráns:

No San Martiño bebe viño e deixa a auga pró muíño
Polo san Martiño castañas e viño
A todo porquiño lle chega o seu san Martiño
Polo San Martiño vai ver o teu soutiño
Dende o San Martiño deixa a auga e bebe viño.
No San Martiño porco e viño.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo.
Castañas no Nadal saben ben e pártense mal.
Temperá é a castaña que por setembro regaña.
Fíxate nas castañas asadas que se estoupan, sairanche á cara.
Bendito o mes que empeza por Santos e acaba por San Andrés.
Por Santos neve nos campos e en San Andrés pisala cos pés.
Con castañas e viño ándase mellor o camiño.
Cando chegue o San Martiño deixa a auga e bebe viño.
Con castañas e viño andas o camiño.
No San Martiño come castañas e bebe bo viño.
Coas castañas e co viño comeza o San Martiño
A castaña que está no camiño é do teu veciño.
As castañas que despois do San Martiño quedan no souto son pró moucho.
Calor en xuño castañas seguro.
Novembro o mes da castaña,noz e belota.
Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño.
Agosto mollado: castañas á cesta.
Auga de agosto: un bo magosto.
Polo San Martiño castañas asadas e viño.
Polo San Xoán castañas e pan.
A castaña en agosto arder e en setembro beber.
A castaña no camiño é do veciño.

Cantigas

Dáseme tanto por ti,
como si nunca te vira
Encólgate nun castaño
coas pernas para arriba

Miña nai, doime a barriga
miña filla, confesión
as castañas que comiches
de que castiñeiro son?

O burriño do ourizo
quixo rir e regañou,
caeu do castiñeiro embaixo,
eso foi o que gañou.

A castaña no ourizo
quixo rir e rebentou. 
Caendo castiro abaixo 
mira que golpe levou.

A castaña no ourizo
fixo pun e rebentou 
caeu do castaño embaixo 
ai! que golpiño levou.

Castañas asadas
e viño con mel
e a miña señora
detrás do tonel

Heiche de dar castañas
se mas dá o castiñeiro 
se as queres regaladas 
hasmas de dar ti primeiro.

O carballo bota landras
e o castiñeiro ourizos
para ser muller casada
ti tes ben pouco xuízo

Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
catro castañas asadas.

Acabáronse as castañas
secaron os castiñeiros
acabáronse as rapazas
quedan os mozos solteiros.

As castañas ben se comen
o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando;
e o medo vaise perdendo

Arriba Casilda, 
abaixo Manuel 
castañas asadas 
e viño con mel.

Adiviñas

Alto pimpín
ruín cabaleiro
rómpelle a bolsa
e cáelle o diñeiro

No alto estou
color de ouro teño
por unha risada
perdo canto teño.

Alta estou
ladrón vexo vir
do meu carapucho
non podo fuxir

Son pequena e a miña cor é marrón,
cando chega o outono métente no fogón.

Alta estou
cor de ouro teño
e por unha risada
perdo o que teño

Frases feitas

Vanche estoupar as castañas na man: vas ter problemas

Relación de informantes:

Mª Fé Fernández Rodríguez (Carballo)
Piedad Márquez Meilán
Carmen Gallego: Casa Costiña
Dolores Pérez Vázquez: Casa Carrolo, Montecelos (Narla)
Manuel Carril Torreiro
Jesús Fraga Meilan: Casa Meregildo (Guldriz).
Lola:Casa Garelo. (Serén)
José Rodríguez Méndez: Casa de Carrelle, Montecelo (Narla)
Jose Antonio Penas Rodríguez: Casa do Herdeiro (Condes)
Mercedes López Vázquez: Casa de Neme, Prado de Abaixo (Prado) 
Berta Gil Varela: Casa de Xil, Prado de Abaixo (Prado)
Manolo: Casa de Telmo (Condes).

12 de mar. de 2012

A pampurriña

Cando ían co gando para o monte, xuntábase o de todo o lugar.
Á hora de recollelo, cada dono ía polo seu rabaño. Chamaban por el (polo macho dominante) e xuntábano para levalo para a casa. Se faltaba algunha cabeza, por que se extraviaba, coa man esquerda daban golpes nas veigas invocando a un insecto diminuto chamado pampurriña dicindo e petando a un tempo no chan da veiga:
Pampurriña do pimpóm
dime se me ha vir o gando á noite á casa ou non.
Se me vén ponte na man
senón estate no chan.
Esperábase un pouco e se as pampurriñas che subían á man o gando viña e se non o facían o gando dábase por perdido.
A pampurriña como podemos observar na fotografía de wikifaunia.com -que é a que ilustra esta entrada -- é o coleóptero coñecido tamén como xoaniña, barrosiña, reirrei,...
Isto contoumo:
Álvaro Santos Ramos, de 32 anos da casa de Laxe no Sisto (Anxeriz). É un amigo.

24 de xan. de 2012

A lenda das tres campás

Había 3 campás: a da igrexa de Anxeriz, a de Carlín e a de Transmonte que cando tronaba, os lóstregos acostumaban a irlles ás campás das igrexas.
De feito o campanario de Anxeriz foi afectado por un lóstrego. Debido ao medo que se lle tiña ás tronadas, tocaban as campás desas 3 igrexas, e a ser posible ao mesmo tempo, e a tronada espelíase.
Tense oído que un día falou un lóstrego e dixo:

"Non me podo achegar
que se botan a min
a campá de Trasmonte,
a de Anxeriz
e a Charapela de Carlín. "
A Charapela, facía referencia á campá de Carlín, que era a que mellor tocaba das tres.

Isto contoumo :

Álvaro Santos Ramos .
De 31 anos.
Da casa de Laxe, que está en Sisto na parroquia de Anxeriz.
Recollido por Antonio Martín

15 de nov. de 2011

Lenda

Contaban os antepasados que había unha casa na Fraga de Souteiro ( Xiá) na que había enterrado cobre, bronce e ouro e que vivían alí uns mouros. A casa caeu e despois ían cavar a ver se daban co tesouro pero nunca o atoparon.
Contouma meu pai José Antonio Prieto Ares, de49 anos, vive en Quintá de Ousá

8 de nov. de 2011

Un milagre de San Benito

Un bo día, un fregués da parroquia de Carballo foi á igrexa. Dende o remate da misa, este home dixo:
-Quédate santo mouro, que eu non te vou volver visitar tan rápido.
Acto seguido, marchou da igrexa e foi a unha taberna próxima. Alí, entrou aparentemente san e cando quixo saír, non podía camiñar porque se quedara teso.
Despois, un home que se atopaba no establecemento foi ata onde o cura a pedirlle axuda. O cura foi ver ó enfermo e díxolle que se quería volver camiñar tiña que ir visitar ó santo e pedirlle desculpas polo ocorrido, arrepentirse de corazón.
O cura botoulle a bendición á devoción de San Benito ao enfermo e entón este púxose a camiñar. Sen perder tempo, foi visitar ao santo e deulle un bico, e prometeulle que iría todos os domingos que puidera á misa. Así foi como este home volveu á igrexa case tódolos domingos ó santuario e nunca máis estivo enfermo e morreu moi vello.
Contado por Trinidad

27 de dec. de 2010

Cantos de Nadal

Por segundo ano, os alumnos e alumnas de 1º de E.S.O. nesta ocasión acompañados polo Grupo de Pandeireteiras do colexio, foron cantar os nadais pola vila friolesa, que en xeral, acolleunos con alegría, bo humor e cariño (sempre hai quen ten que dar a nota e non lles deixou cantar, caso da oficina do Banco Pastor). Os rapaces recolleron unha chea de cartos -cos que realizarán unha excursión-- e lambetadas varias das que xa deron conta no momento. Aquí deixamos unha fotografía do numeroso e entusiasta grupo e un vídeo a modo de resumo da actividade.
Ata o ano que vén!


16 de dec. de 2009

Os reises da manta

Dentro da tradición friolesa relacionada co nadal, hai unha serie de panxoliñas e cantos de reis propias da zona , aínda que a día de hoxe estea espallado o seu coñecemento por todo o país dada a interpretación masiva por parte dos diferentes grupos preocupados na recuperación do noso acervo musical.
Un destes cantares é o que leva por título "Os Reises da manta". Aquí deixamos letra e música.
A letra facilitóunola a Asociación Cultural Cova da Serpe. A gravación que incoporamos é unha interpretación feita por Álvaro do Sisto. Así nola transmitiron e así o facemos nós:
San José e a Virgen Santa
por baixo da manta,
a Belén camino iban
e a manta por riba.
San José camiña moito
por baixo da manta,
pero a Virgen non podía
e a manta por riba.
Andemos, señora, andemos
por baixo da manta,
que se nos acaba o día,
e a manta por riba.
Se este día se acabase
por baixo da manta
outro Dios nos mandaría
e a manta por riba.
E os señores desta casa
por baixo da manta
hannos dar unha alegría
e a manta por riba.
E se non queren dar nada
por baixo da manta
condenado sexa o día
e a manta por riba.
Se a queredes escoitar premede aquí: