Amosando publicacións coa etiqueta Cotá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cotá. Amosar todas as publicacións

25 de mar. de 2014

Fonte de ouro (II)

Na Fonte do Ouro vivía unha señora. Un día achegóuselle outra señora, do lugar, cun mandil. A señora da fonte díxolle á outra: 
-- Déixame ese mandil que che vou envolver unha cousa. 
A señora envolveulle a cousa e volveulle a dicir: 
--Non desenvolvas este paquete ata que chegues a casa. 
E, como di o dito, “a curiosidade matou o gato”. A señora desenvolveu o paquete e viu que eran carbóns e tirounos no monte. Despois cando chegou a casa na dobradura do mandil viu unha boliña  pequena de ouro. Volveu ao monte, para coller os carbóns, pero non había nin bólas nin carbóns.

Informante:Oliva 
Idade:79 
Relación:Miña avoa 
Casa:Rulo 
Lugar:Rexidoira 
Parroquia:Cotá 
Jesús Cabado Sánchez

18 de mar. de 2014

A fonte do ouro (I)

Na miña parroquia hai unha lenda que ten dúas versións. 
Aquí vai a primeira:
Na Fonte do Ouro dicíase que había unha pita con pitos de ouro. Cando a xente se achegaba a eles os pitos agachábanse na fonte. Se alguén lograba tocar cun pano de tea os pitos convertíase de ouro. 


Informante:Oliva
Idade:79
Relación:Miña avoa
Casa:Rulo
Lugar:Rexidoira
Parroquia:Cotá
Jesús Cabado Sánchez

30 de nov. de 2013

O raposo astuto

A un home moi gracioso, un día apeteceulle enganar a un raposo. Colleu un cesto e meteu debaixo a un can. E díxolle a un raposo:
--Téñoche unha sorpresa
--Cal? a ver? a ver?-- dixo moi entusiasmado.
--É unha galiña, téñocha gardada debaixo daquel cesto.
Pero o raposo era moi listo e díxolle:
--¡Pita será pero óleme a can!

Informante:José Manuel
Idade:51
Relación:meu pai
Casa:Rulo
Lugar:Rexidoira
Parroquia:Cota

10 de xuño de 2013

Un día na feira de Cotá

O día 18, día da feira de Cotá, comezou como un día de feira calquera: moito traballo, os gandeiros levando o gando e preparándoo para a súa venda,a xente preparando os tenderetes para a feira... Cando todo estivo montado e preparado comezou a feira. 
Jesús, que foi o meu  bisavó, tivera moito traballo co gando e un pequeno problema cunha vaca e chegara moi tarde á feira; quedaba pouca mercadoría, pero el para o único que viñera era para comprar unha galiña porque se quedara sen elas. Cando viñera o lobo comérallle cinco. 
Despois dun bo rato buscando unha, viu a única que quedaba en toda a feira e necesitábaa xa. Achegouse aos dous homes que estaban xunto á galiña e preguntoulles:
--Canto piden por esa galiña?
Un dos dous homes, o máis alto e fraco díxolle:
--Acábolla de vender a este home de aquí.
--Entón eu doulle por ela o dobre --díxolle o meu bisavó-.
-- Nooon señor. Xa ma vendeu, e necesítoa de veras por pouco me quedo sen ningunha.
--Pois espera á próxima feira.
--Espera ti, ou queres levar unha malleira?
--Xa veremos quen pega máis forte.
Así estiveron os dous ata que empezaron a malleiras un co outro. Pero iso non foi o peor para eles: mentres se mataban a paus o vendedor como vía que se lle botaba tarde vendeulle a galiña a unha rapaciña, incluso pola metade que lle daba aquel home.

Infomante: Piedad Márquez
Relación: Miña avoa
Casa de Lourenzo de Cotá
Idade: 78 anos
Lugar: Ousá

7 de feb. de 2012

Os catro infernos de Cotá

"A primeira é a Purreira,
a segunda é Agruñá,
a terceira é a Retorta e
a cuarta A Pena de Cotá".

A estes catro lugares chamábanselle infernos porque eran os máis incomunicados e antigos.

Informante: Manuel Prado Burgo, 90 anos, Casa Salvador, veciño de Agruñá, Cotá