10 de xuño de 2013

Un día na feira de Cotá

O día 18, día da feira de Cotá, comezou como un día de feira calquera: moito traballo, os gandeiros levando o gando e preparándoo para a súa venda,a xente preparando os tenderetes para a feira... Cando todo estivo montado e preparado comezou a feira. 
Jesús, que foi o meu  bisavó, tivera moito traballo co gando e un pequeno problema cunha vaca e chegara moi tarde á feira; quedaba pouca mercadoría, pero el para o único que viñera era para comprar unha galiña porque se quedara sen elas. Cando viñera o lobo comérallle cinco. 
Despois dun bo rato buscando unha, viu a única que quedaba en toda a feira e necesitábaa xa. Achegouse aos dous homes que estaban xunto á galiña e preguntoulles:
--Canto piden por esa galiña?
Un dos dous homes, o máis alto e fraco díxolle:
--Acábolla de vender a este home de aquí.
--Entón eu doulle por ela o dobre --díxolle o meu bisavó-.
-- Nooon señor. Xa ma vendeu, e necesítoa de veras por pouco me quedo sen ningunha.
--Pois espera á próxima feira.
--Espera ti, ou queres levar unha malleira?
--Xa veremos quen pega máis forte.
Así estiveron os dous ata que empezaron a malleiras un co outro. Pero iso non foi o peor para eles: mentres se mataban a paus o vendedor como vía que se lle botaba tarde vendeulle a galiña a unha rapaciña, incluso pola metade que lle daba aquel home.

Infomante: Piedad Márquez
Relación: Miña avoa
Casa de Lourenzo de Cotá
Idade: 78 anos
Lugar: Ousá