Amosando publicacións coa etiqueta Ousá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ousá. Amosar todas as publicacións

10 de xuño de 2013

Un día na feira de Cotá

O día 18, día da feira de Cotá, comezou como un día de feira calquera: moito traballo, os gandeiros levando o gando e preparándoo para a súa venda,a xente preparando os tenderetes para a feira... Cando todo estivo montado e preparado comezou a feira. 
Jesús, que foi o meu  bisavó, tivera moito traballo co gando e un pequeno problema cunha vaca e chegara moi tarde á feira; quedaba pouca mercadoría, pero el para o único que viñera era para comprar unha galiña porque se quedara sen elas. Cando viñera o lobo comérallle cinco. 
Despois dun bo rato buscando unha, viu a única que quedaba en toda a feira e necesitábaa xa. Achegouse aos dous homes que estaban xunto á galiña e preguntoulles:
--Canto piden por esa galiña?
Un dos dous homes, o máis alto e fraco díxolle:
--Acábolla de vender a este home de aquí.
--Entón eu doulle por ela o dobre --díxolle o meu bisavó-.
-- Nooon señor. Xa ma vendeu, e necesítoa de veras por pouco me quedo sen ningunha.
--Pois espera á próxima feira.
--Espera ti, ou queres levar unha malleira?
--Xa veremos quen pega máis forte.
Así estiveron os dous ata que empezaron a malleiras un co outro. Pero iso non foi o peor para eles: mentres se mataban a paus o vendedor como vía que se lle botaba tarde vendeulle a galiña a unha rapaciña, incluso pola metade que lle daba aquel home.

Infomante: Piedad Márquez
Relación: Miña avoa
Casa de Lourenzo de Cotá
Idade: 78 anos
Lugar: Ousá

10 de mar. de 2013

Mámoa de Ousá e lenda


En Ousá hai unhas pedras chamadas mámoas.
Son pedras grandes, con forma de cova onde antigamente os homes que ían traballar ao campo ou os pastores cando ían coas ovellas, cabras..., se abrigaban os días de fortes tormentas, para descansar un rato, ou parar a comer e beber.
Lenda:
Contan que a un daqueles homes que estaba coidando as ovellas, caeulle un raio e morreu alí mesmo. Por iso din que dende aquela esta pedra está maldita porque alí vive un espírito que non quere que o molesten e ademais a pedra agora fáltalle unha pequena parte.

Informante: Piedad.
Idade: 75 anos.
Relación: miña avoa.
Casa: de Emilio ou de Juanito.
Lugar: Ousá


13 de dec. de 2010

A formiga e a merla

Érase unha vez unha merla. Mentres a formiga traballaba todo o verán carrexando comida, a merla só cantaba de silveira en silveira.
Cando chegou o inverno, a merla dixo:
--Se vou xunto á formiga hame dar algo para comer.
Pero cando chegou onde a formiga , esta díxolle á merla, mentres lle pechaba a porta nos fuciños:
--Mentres andaches de silveira en silveira,
chirlo merlo, chirlo merlo,
traballaras do verán para o inverno

Contado pola miña bisavoa: 85: Eugenia Villar…de Ousá 
Recollido por Tania Pazos de 1º da E.S.O.