18 de mar. de 2014

Pena Castrela

Pena Castrela (moitos chamábanlle Pena da Moura): Está situada no “Pedrido”. Cóntase, que alí vivía unha bruxa( Moitos chámanlle, a “moura”). Un día, esa moura, camiñaba pola ponte do Pedrido, acompañada pola súa filla. Levaba consigo unha vasilla con leite e unha pedra na cabeza. Ó chegar ó lugar onde se atopa a Pena Castrela, a bruxa esvarou, a rocha caeu da súa cabeza, esmagando a súa filla e rompendo a ola. Foi entón cando pronunciou estas palabras:
Pena Castrela, 
rompíchesme a ola 
matáchesme a nena
o demo te fenda
de rabo a orella.
Ao caer, dividiu a pena en dúas partes. Hoxe en día, pódese ver así a pena e tamén, unha marca en forma de cunca onde caeu a pedra. A moura facía a súa vida na pena e cocía alí. Polo que se pode ver nunha parte da pena unha especie de forno. 


Informante: Carmen López Fariñas 
Relación: Avoa
Idade: 78 anos
Nome da casa: Casa de Xil
Lugar: Lea
Miguel Ángel Sánchez López