Nesta entrada publicamos aqueles retallos da literatura oral que recolleu o alumnado de 1º de ESO estes días nos que se celebra por Galicia adiante as festas dos magostos.
Ditos e refráns:
No San Martiño bebe viño e deixa a auga pró muíño
Polo san Martiño castañas e viño
A todo porquiño lle chega o seu san Martiño
Polo San Martiño vai ver o teu soutiño
Dende o San Martiño deixa a auga e bebe viño.
No San Martiño porco e viño.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo.
Castañas no Nadal saben ben e pártense mal.
Temperá é a castaña que por setembro regaña.
Fíxate nas castañas asadas que se estoupan, sairanche á cara.
Bendito o mes que empeza por Santos e acaba por San Andrés.
Por Santos neve nos campos e en San Andrés pisala cos pés.
Con castañas e viño ándase mellor o camiño.
Cando chegue o San Martiño deixa a auga e bebe viño.
Con castañas e viño andas o camiño.
No San Martiño come castañas e bebe bo viño.
Coas castañas e co viño comeza o San Martiño
A castaña que está no camiño é do teu veciño.
As castañas que despois do San Martiño quedan no souto son pró moucho.
Calor en xuño castañas seguro.
Novembro o mes da castaña,noz e belota.
Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño.
Agosto mollado: castañas á cesta.
Auga de agosto: un bo magosto.
Polo San Martiño castañas asadas e viño.
Polo San Xoán castañas e pan.
A castaña en agosto arder e en setembro beber.
A castaña no camiño é do veciño.
Cantigas
Dáseme tanto por ti,
como si nunca te vira
Encólgate nun castaño
coas pernas para arriba
Miña nai, doime a barriga
miña filla, confesión
as castañas que comiches
de que castiñeiro son?
O burriño do ourizo
quixo rir e regañou,
caeu do castiñeiro embaixo,
eso foi o que gañou.
A castaña no ourizo
quixo rir e rebentou.
Caendo castiro abaixo
mira que golpe levou.
A castaña no ourizo
fixo pun e rebentou
caeu do castaño embaixo
ai! que golpiño levou.
Castañas asadas
e viño con mel
e a miña señora
detrás do tonel
Heiche de dar castañas
se mas dá o castiñeiro
se as queres regaladas
hasmas de dar ti primeiro.
O carballo bota landras
e o castiñeiro ourizos
para ser muller casada
ti tes ben pouco xuízo
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
catro castañas asadas.
Acabáronse as castañas
secaron os castiñeiros
acabáronse as rapazas
quedan os mozos solteiros.
As castañas ben se comen
o viño vaise bebendo;
o cariño vai entrando;
e o medo vaise perdendo
Arriba Casilda,
abaixo Manuel
castañas asadas
e viño con mel.
Adiviñas
Alto pimpín
ruín cabaleiro
rómpelle a bolsa
e cáelle o diñeiro
No alto estou
color de ouro teño
por unha risada
perdo canto teño.
Alta estou
ladrón vexo vir
do meu carapucho
non podo fuxir
Son pequena e a miña cor é marrón,
cando chega o outono métente no fogón.
Alta estou
cor de ouro teño
e por unha risada
perdo o que teño
Frases feitas
Vanche estoupar as castañas na man: vas ter problemas
Relación de informantes:
Mª Fé Fernández Rodríguez (Carballo)
Piedad Márquez Meilán
Carmen Gallego: Casa Costiña
Dolores Pérez Vázquez: Casa Carrolo, Montecelos (Narla)
Manuel Carril Torreiro
Jesús Fraga Meilan: Casa Meregildo (Guldriz).
Lola:Casa Garelo. (Serén)
José Rodríguez Méndez: Casa de Carrelle, Montecelo (Narla)
Jose Antonio Penas Rodríguez: Casa do Herdeiro (Condes)
Mercedes López Vázquez: Casa de Neme, Prado de Abaixo (Prado)
Berta Gil Varela: Casa de Xil, Prado de Abaixo (Prado)
Manolo: Casa de Telmo (Condes).
Ningún comentario:
Publicar un comentario