25/06/2015

Punto final...

Rematamos este curso unha andaina iniciada ao abeiro da LOE alá polo curso 2007/08, curso no que se implantou no currículo de 1º de ESO unha hora semanal de libre configuración e que no noso centro decidiuse aproveitala para coñecer e redescubrir a riqueza patrimonial tanto material como inmaterial do concello friolés.
Así botamos a andar unha experiencia baixo o título "O patrimonio do meu concello" que se desenvolveu ao longo destes oito últimos cursos e facilitou ao alumnado o coñecer mellor a nosa contorna e poñer en valor a riqueza patrimonial do noso concello.
Andainas, saídas, xogos de pistas, estudos de microtoponimia, procura de información, tratamento da mesma,... foron algúns dos elementos traballados neste para todos proxecto interdisciplinar. 
Como referente e testemuña do antedito creouse este blog que botou a andar no curso 2008/09 e nel todo o alumnado de 1º de ESO, foi publicando as súas achegas que aos poucos foron enchendo o que hoxe é No Campo da Feira
Como remate indicar que este proxecto tivo eco noutros lugares da nosa xeografía e así en moitos centros de Galicia desenvolveron actividades semellantes a prol do noso patrimonio. 
A importancia de coñecer o noso e valorar o máis achegado a nós, debe ser un primeiro banzo para poder despois acceder a coñecementos máis xerais e universais. 
Que o propio pode ser material de coñecemento queda reflectido no que aquí fixemos e o que a modo de exemplo e pola súa simboloxía colgamos na barra lateral deste blog: o vídeo que recolle a narración da lenda da Cova da Serpe nun centro escolar da cidade da Coruña ( a rapaciña do vídeo, Victoria Daobin é neta de Ángel Martínez F. de la Vega) que reflicte a utilidade e aproveitamento do "noso" como ferramenta de traballo escolar que foi un dos eixos que pretendemos transmitir desde este proxecto.
Como remate da actividade deste blog publicamos un relato da alumna de 1º de ESO, Irea Blanco Rodríguez, que pon o definitivo punto final a esta andaina.
Só queda dar as grazas e felicitar a todas e  todos os que a fixeron posible.

E para rematar... un relato: Nadal 2014

Día 22 de decembro de 2014. As vacas están en Narla no prado da Fraga. Ao mediodía chaman a mamá dicindo que as vacas están en Vilapedre. Imos ata alí e descubrimos que falta unha. Polo camiño de volta á Fraga pensamos cal é a que falta. Mamá pregúntame se vexo a Luana e eu dígolle que non , que falta a Luana. Mamá pensa que foi un ataque do lobo pero eu négome a pensar iso porque a quería moito.
A uns metros de entrar na Fraga as vacas páranse e non queren seguir. Forzámolas a ir e ao entrar no prado cerca da cancela hai sangue. Eu penso: tranquila Irea a Luana está viva. Mentres papá vai polo camiño que está ao lado da Fraga, Ada e eu quedamos coas vacas e fíxome en que se vai para arriba e empezan a cheirar. Eu vou xunto elas e vexo máis sangue. Póñome nerviosa e miro para os lados a ver se vexo a Luana. Vin os toxos con sangue e máis ao fondo estaba tirada a Luana co seu interior ao aire. Eu empecei a chorar e a gritar por papá. A Luana estaba morta comida polos lobos. Debeu pasar unha mala noite, correndo polo prado intentando escapar deles. Tiña nas patas as garras e os dentes deles. A Luana arrastrouse por debaixo do fío ata que acabaron coa súa vida.
Máis tarde díxenlle a papá que lle tiña cariño porque un verán iamos con eles ás mañás e mentres muxían, Ada e eu dabámoslle herba seca ás vacas que quixeran vir. Só se afixeron a vir a Luana e a Mazá. E neste 2014 as dúas se foron. A Mazá a principios e a Luana a finais de ano.
Este Nadal non foi dos mellores 
Composición de Irea Blanco Rodríguez (1º de ESO)
O Castro - Condes-

Notas:
1) Aínda que o texto foi escrito xa hai algúns meses, non fomos coñecedores del ata este mes de xuño no que a autora do mesmo permitiu a súa lectura e publicación.
2) A fotografía que ilustra o texto é o prado da Fraga en Pacios (S Pedro de Narla)

24/03/2015

Coñecemos o megalitismo do Concello

Hoxe fixemos unha visita a diferentes lugares do concello para realizar unha serie de actividades complementarias da unidade que rematamos sobre a prehistoria.
As visitas xiraron ao redor da riqueza patrimonial que sobre o megalitismo agocha a nosa contorna.
Así visitamos a Capela do Vieiro ou Dolmen da Muruxosa e descubrimos a relación do seu nome co espazo onde está situado, paramos en Castrodá  e en Serén, para despois facer un percorrido pola Necrópole de Narla onde puidemos contrastar grazas aos paneis informativos, a destacada presenza de mámoas no noso concello, así como das enormes dimensións da chamada Medorra Aberta.
Aínda que o frío non axudou moito, tivemos a sorte de que non nos chovese.
Con esta actividade rematamos o segundo trimestre e xa propuxemos o deseño das próximas saídas que terán algunha novidade respecto ás dos outros anos.

10/03/2015

Bidueiro,Nodar


Esta é a peza que sirve para suxeitar as ventás  chámase:
Ese, caravilla, amarralla
Estas fotos son da casa de meu veciño chamado Manolo .
Os nomes díxomos meu avo chamado José Buján.

                                             Cristian Santos Buján

Rosende, Anxeriz

 A peza que serve para termar das follas das ventás recibe o nome de: Cigoña.
Informante: Francisco Iglesias  (Pai)
Lugar: Rosende
Andrea Iglesias Núñez

O Chao-Narla

A peza que serve para suxeitar as ventás chámase: Amarralla.
Estas imaxes foron sacadas na casa de Rio (Cima  de Vila-Narla).
Os informantes que me deron a información do nome foi meu avo Suso Loureiro.

Unai Cobas Loureiro

Lamas













A peza que serve para termar das follas das ventás chámase: Mariposas,caravillón,pasador artesán e caravilla.
O nome da casa é: Casa de Veigas.
A información déronma os meus avós:Ramón Lodeiro e Concha Reboredo.
Adrián Lodeiro Cobas

Argá de Abaixo, Carlín

A peza que serve para suxeitar a folla dunha ventá recibe o nome de cigueña.
A foto é sacada na casa de Serén. 
A información deuma miña avoa Divina.
Jonathan Vázquez.

Gonce, Vilafiz

Esta é a peza que serve para suxeitar as follas das ventás, chámase: perlo ou cigueña.

É da Casa da Pena.
A información deuma meu avó Victorino Cruz.

Vanessa Blanco Cruz 

Friol.

A peza que serve para termar das follas dunha ventá recibe o nome de: Cigueña
É a casa do cura.
Alfredo, o meu avó,  deume o nome da peza 
Lúa Martínez.

O Castro,San Martiño de Condes

A peza que serve para termar das follas dunha ventá recibe o nome de: zanfoña.
É a casa de Arriba.
A información deuma miña nai Concha.
Irea  Blanco Rodríguez.

04/03/2015

Unha peza de altos voos

Andamos estes días na procura dos nomes da peza de ferro que sinalamos nas ilustracións e que con diferentes e máis ou menos retorneadas formas se emprega para fixar as ventás á parede exterior da vivenda, cando están abertas e así non sexan golpeadas polo vento.
O alumnado fixo xa o seu traballo de investigación e xa están en fase de publicación dos resultados das súas pesquisas. 
De momento e sen dar ningunha pista, dicir que nós tamén botamos a rede e esperamos recoller os diferentes nomes que esta peza recibe pola xeografía galega e en particular polas terras luguesas.
O traballo xurdiu a raíz dun comentario feito polo etnógrafo e bo coñecedor dos nosos costumes  Pablo Quintana nas redes sociais. O que inicialmente nos permitiu trasladarnos á nosa infancia, despois de repousar o recuperado --que non perdido--  decidimos facer esta proposta de traballo ao alumnado de primeiro e agora xa feito poderedes comprobar a riqueza e variedade da nosa lingua.
Se alguén se anima a facer unha achega recibirémola cos brazos abertos.

26/02/2015

Conto da miña avoa

Era un corvo moi fachendoso e unha raposa moi astuta, o corvo fora roubar un cacho de queixo, e, a raposa, que levaba días sen comer e era máis astuta ca o corvo, díxolle:
--Oe, tes unha plumaxe do máis fermosa, un pico ben limpo, pero, saberás cantar ben?
O corvo dispúxose a cantar, e ao abrir o pico para comezar, o cachiño de queixo caeulle para o chan, a raposa, foi polo cacho de queixo, e despois escapou polo monte abaixo.

Informante:Divina 
Idade:61
Casa:Serén
Lugar, parroquia:Argá de Abaixo, Carlín
Relación:Avoa

12/02/2015

Coplas do Entroido do 2015

Este ano o alumnado de 1º cumprindo coa tradición compuxeron e elixiron estas coplas de Entroido que esperamos sexan do voso agrado.

Chegou o tempo do Entroido
algo temos que argallar
como temos pouco tempo
verei que podo inventar

Hai un na clase moi listo 
solo mexa na súa casa 
no cole non perde o tempo 
que do fútbol nunca pasa 

O Cristian ten un veciño,
non e nada toleirán,
porque en vez de comer caldo 
prefire queixo con pan. 

Nevou moito esta semana 
ao cole non puiden vir 
e pensaba en Carricoba... 
non paraba de reír 

Na Rocha hai unha rapaza 
que non deixa de pensar 
en buscar algo con xeito 
para a copla rematar. 

Hoxe fun detrás do monte
e encontreime co Ismael
cunha cousiña na man 
que era un tarriño de mel. 

Teño unha alumna na clase 
que non pasa sen mexar 
e nas clases de matracas 
é incapaz de aguantar 

Vin unha burra voando 
e pensei no meu titor 
que ten moi grande as orellas 
e non precisa motor 

O meu profesor de plástica 
sei que se peina pra atrás 
na cabeza non ten pelo 
pois llo comeron as rás.

Hai un profe no colexio 
que non entra polas portas 
e non é o de castelán 
non vaia baixarme as notas.

Cúlpote meco do demo 
de que o mestre Salvador 
nas súas clases de matracas 
non nos prestes atención. 

Vin onte pola ventá 
detrás do olivo a Miguel 
pois o moi pillo e lambón 
comeu tres botes de mel. 

Teño na mente unha cousa 
non me deixa estar en paz,
o Salvador suspendeume 
e son eu un bo rapaz. 

No meu cole de Friol 
non me queren aprobar 
non me deixan facer trampas 
e só quero aproveitar

E xa rematan as coplas,
que gusten é o que esperamos,
e se non dános igual
que facéndoas disfrutamos. 

04/02/2015

O raposo o cárabo e a aguia

Era unha vez  unha aguia  que tiña un niño na cima dun pino e tiña fillos.
Un día  pasou por alí un raposo, viuna e díxolle: 
--Aguia dáme un dos teus fillos ou  mañá cando  volva  por aquí  tíroche o pino co meu rabo.
A aguia  quedou moi triste.
Pasou por alí un paxaro chamado cárabo e  viuna  moi triste e preguntoulle:
--Que che pasa aguia?
--Estou triste porque pasou por aquí un raposo e díxome que se non lle daba  un fillo tirábame o pino co seu rabo.
E contestou o cárabo:
--Pero aguia se os rabos dos raposos non cortan os pinos senón as machetas dos leñadores.
Volveu o raposo ao día seguinte e díxolle:
--Aguia ou mo dás ou che tiro o pino co meu rabo.
--Os raposos non tiran os pinos cos rabos senón os leñadores coas súas machetas-- contestoulle a aguia
--E a ti quen che dixo iso aguia?
--O cárabo.
Outro dia o raposo viu  o cárabo nun toxo  cantando:
--Chiri chiri chiri...
O raposo botoulle a boca  e o cárabo díxolle:
--Gustaríame oír que con esa túa voz voz dixeras: "O cárabo eu comín"
Mentres o raposo abría a boca para dicilo, o cárabo escapou mentres dicía:
"a outro tonto que non a min".

Informante: Amelia Rodríguez
Idade:50 anos
Recollido por Adrián Lodeiro
Parroquia: Lamas

San Xoán

Polo San Xoán se separas a clara e a xema dun ovo e a clara a botas nun vaso alto cheo de auga e a deixas á borrasca do San Xoán pola mañá aparece o teu destino. 
Hai xente que as usa para adiviñar o futuro.
Exemplos: Pode ser unha tumba ou un traxe de noivo. 
  
Informante:Amérita e Xurxo.
Relación:Avoa e pai. 
Idade:74 e 46. 
Nome da casa:Casa do Duque
Lugar parroquia:Fontes,Samede de Nodar e O Castro,Condes
Traballo feito por: Miguel López Bayo e Irea Blanco.

03/02/2015

Meu tío e as ovellas

Unha vez meu tío cando era pequeno foi coas vacas e coas ovellas para unha chousa que tiña un río moi grande ao lado.
Meu tío foi xogar cos seus amigos cando se deu contra a noite. As vacas estaban ao lado da buqueira e faltaban as ovellas. Cando chegou a casa deuse de conta, foran buscalas pero non as encontraron.
Súa nai botoulle unhas oracións (responsos). Para o outro día foron buscar as ovellas que estaban deitadas onda o río. Estaban nun sitio seco e todo arredor tiñan un círculo todo estaba esmagado suponse que fora o lobo.

Informante:Constantino
Relación:Tío
Idade:56
Parroquia:Bidueiro
Traballo feito por :Cristian

16/12/2014

O Bicho de Brañas

Había un home que viña das mozas de noite, tras del viña o lobo.
O lobo quería trabarlle  ao home e este deu  en berrar:
-- Homes aquí que me come o bicho!
Como este home berraba cerca das casas sentírono dúas persoas que estaban durmindo e levantáronse. 
O señor tiña un río que cruzar e os donos da casa dixéronlle que non tivese medo. Cando chegou á ponte estaba o lobo sentado no medio. Logo chegaron os donos da casa e o lobo colleu medo e escapou e o home salvouse .
O home chamábase Benigno e a raíz do que berraba quedoulle o alcume da Casa do Bicho de Brañas.


Informante:JOSÉ BUJÁN ROCA
Idade:83 ANOS
Relación :AVÓ
Casa:ALBERTE
Lugar:BIDUEIRO
Parroquia:NODAR

Un avó e o seu burro

Érase unha vez un burro chamado "Jardinero" que vivía como  un auténtico burro, o seu traballo consistía en levar o trigo ao muíño para moer, levar o seu amo ás feiras ou a sitios lonxe.
Érase tamén un home ao que lle gustaba moito a caza (neste caso meu avó) gustáballe tanto que el cazaba durante todo o ano, en época de caza e mais cando non o era.  Isto de cazar fóra de época deulle algún que outro desgusto, pero miña avoa  e el tiñan un sinal para cando había problemas.
Un día pola tarde coma outros moitos, meu avó saíu a cazar cando non se podía, e xa o tiñan fichado porque sospeitaban del. A Garda Civil andáballe detrás e xusto ese día estaban pola zona, foi escoitar dous tiros e xa viñeron directos á casa preguntar onde estaba o home da casa. Miña avoa contoulles que andaba a buscar o burro que escapara e tiñan que encontralo antes da noite. 
Foi marchar eles e miña avoa botase a correr costa arriba, había que poñer o sinal en marcha e este consistía en berrar:
--Jardinero ven! Jardinero ven! Jardinero ven!
Esta vez berraba máis forte que outras veces, o perigo era evidente. E meu avó cando oía o sinal respondía orneando coma se fose o burro ( sempre presumía de saber ornear moi ben ) así a avoa xa sabía que estaba ao tanto. Pero este día de tanto berrar e de tanto ornear ata o burro se puxo nervioso e botouse da chousa onde estaba encerrado. 
Meu avó deuse desfeito dos coellos que cazara e acababa de esconder a escopeta ao lado dun valado e tapala cuns fieitos cando viu chegar o burro onda el, nunca na vida se alegrou tanto de ver o seu burro, montouse nel e xa viu chegar ao lonxe á Garda Civil, que ao chegar onda el, déronlle as boas tardes e preguntáronlle que facía polo monte. Meu avó respondeulles que andaba buscando o burro que as veces escapaba buscar mozas. Tamén lle preguntaron se oíra disparos ou vira a alguén, meu avó díxolles que escoitara dous tiros de escopeta pero que non vira a ninguén. Cada un seguiu o seu camiño; meu avó cara a casa no burro, e a Garda Civil a buscar ao que estaba cazando. Menos mal que meu avó estaba montado no burro porque as pernas lle temblaban como se fosen vimbios.

Informante: Victorino
Idade: 78 anos
Relación: avó
Nome da casa: Casa de Arrieiro
Lugar, parroquia: Gonce, Vilafiz
Historia recollida por Vanessa Blanco Cruz


O lobo

Hai moitos anos o señor Manuel que levaba toda a vida fóra, traballando polas  leiras e polos montes cos seus animais (pódese dicir del que xa vira de todo), que era un home tranquilo, sereno e que nunca soubo o que era o medo.
Pero un día foi apañar uns toxos, e venceuno a noite: unha noite desas, frías e estreladas. De volta a casa tiña que pasar pola ponte Lavandeira e a súa sorpresa foi cando se estaba achegando a ela e viu brillar unha cousa, ata que se foi acercando non soupo que era. Cando xa estaba cun pé na ponte, viu que era o lobo, sentado no medio da ponte sen intención ningunha de marchar. El quedouse quieto mirando para el, e pensando que facer, o lobo non se movía e non quitaba os ollos de Manuel.
Decidiu dar uns pasos para atrás, agacharse e coller unha pedra e tirala ao río, o lobo sen moita présa, colleu e marchou lentamente, parábase, mirou a Manuel, e daba uns pasos máis. Manuel, alixeirou o paso para chegar a casa, e na súa mente, levaba a mirada de aquel lobo, que estaba morto de fame, e o lobo ao final fuxiu porque aquel home, Manuel tamén o mirou fixamente, e transmitiulle que era un home con coraxe.

Informante:María José
Idade:44
Casa:Gabino
Parroquia, lugar:Portela, Narla
Relación:Veciño
Conto recollido por Jonathan Vazquez


15/12/2014

Fonte da Xonza

A fonte da Xonza queríana levar para Madrid pero os veciños non deixaron. O alcalde de Friol tamén a quería levar  para Friol pero os veciños tampouco deixaron. 
A auga da fonte é moi boa para o estómago. 
Os veciños antes nas festas cando se emborrachaban ían beber a ela para que lles pasara a borracheira. 
Ten 1 metro de ancho, 2 metros de largo e 50 centímetros de fondo. 

                                                                     
Lugar e parroquia:Lamas 
Relación:Veciño
Idade do informante:85 anos
Nome do informante:Plácido López Castiñeira
Traballo feito por:Adrián-Lodeiro Cobas 

12/12/2014

Casa do Rosón

Era a casa máis rica de San Mamede de Nodar. Había un médico, un cura e tres caseiros. Tiñan varías propiedades e en cada unha había unha familia. Ata tiñan fóra de Samede: Nas Pardellas e en Parga. 
O escudo ten forma de persoa cunha coroa na cabeza. No centro do escudo hai unha torre. A torre está rodeada por círculos, o escudo é de pedra e está no medio da casa. 
Informante:José Buján 
Idade:83 
Relación:Avó 
Nome da casa: Casa de Alberte 
Lugar da parroquia: Samede Nodar 
Traballo feito por Cristian Santos

Severino

Severino foi un gaiteiro moi especial, famoso en todo o Concello de Friol, por varias cousas: por percorrer todas as festas coa súa gaita ao lombo e por fabricar aparellos para traballar, por facer as súas propias gaitas, punteiros, clarinetes...
Como moita xente da súa época, na súa casa tampouco había recursos para poder estudar, o que fai valorar máis ás cousas que Severino facía, pois ao igual que a xente de antes, Severino do pouco que tiña facía cousas que o facían feliz, como por exemplo tocar os seus instrumentos á saída das misas e ver como a xente disfrutaba coa súa música, tocaba a gaita, o clarinete, e tamén un bombo que facía soar co pé mentres tocaba a gaita.
Outra cousa que lle gustaba moito era ir a misa a diferentes puntos de Galicia, para saber de novos santos, Severino era unha persoa tranquila, que non se metía con ninguén, el disfrutaba da vida sen estresarse, podía botar todo o día aprendendo a tocar unha peza, ou fabricando punteiros para cambiar o son das súas gaitas, teño que engadir que el non sabía as notas musicais nin estudara música.
Unha curiosidade sobre el, é que aprendeu a montar en bicicleta sendo xa bastante vello, o seu método foi quitarlle os pedais á bicicleta para non perder o equilibrio, e preguntarédesvos, como é posible? Pois moi sinxelo, poñendo os pés no chan, así polo menos viaxaba sentado, co paso do temo aprendeu a pedalear, e ocorréuselle fabricar un carro pequeno para enganchalo á bicicleta e poder viaxar cos seus instrumentos de romaría en romaría.
Con case noventa anos faleceu, e había un ano que recibira unha homenaxe en Friol, ao igual que a súa gaita viaxara con el a moitos lugares, pediu que nesta última e máis longa viaxe tamén o fixera, e o seu desexo viuse cumprido. O seu legado pódese dicir que en certa forma segue presente, pois a uns pasos da súa casa estase formando unha nova gaiteira. 
Informante: Francisco Iglesias Pena 
Relación: Pai 
Idade: 53
Nome da casa: Cardeiro 
Lugar, parroquia: A Rocha 
Traballo feito por: Andrea Iglesias Núñez

Lenda da Pena Castrela

Esta é unha lenda moi bonita acontecida en Narla parroquia de Friol.
Contan os máis anciáns deste pobo que hai moito tempo habitaba aquí unha meiga que vivía nunha cova dentro da Pena Castrela.
Un día a filla e mais a nai, é decir, a meiga, saíron a buscar auga para unha fonte que había preto de alí. A meiga levaba unha ola na cabeza, para traer a auga, e collida da man levaba á súa filla . Entón caeu un anaco da pena e rompeulle a ola e matoulle a nena.
Nisto, a meiga moi enfadada e irritada pola perda da súa filla, din , que lle botou este meigallo á pena decíndolle:
Pena Castrela, 
rompíchesme a ola 
matáchesme a nena.
Mailo o raio te fenda 
de rabo a orella.
A meiga colleu un o anaco de pedra caído e, despois de decir o meigallo, tiroullo á Pena Castrela. Esta partiu á metade.
Aínda hoxe se pode ver o anaco de pedra entre a Pena Castrela fendida ó medio e as pisadas e rabuñaduras feitas nela pola meiga

Informante:María Jesús
Idade do informante: 42 anos
Nome da casa:Amable
Lugar: Narla.
Relación:Nai
Recollido por:Unai Cobas Loureiro