25 de xuño de 2015

E para rematar... un relato: Nadal 2014

Día 22 de decembro de 2014. As vacas están en Narla no prado da Fraga. Ao mediodía chaman a mamá dicindo que as vacas están en Vilapedre. Imos ata alí e descubrimos que falta unha. Polo camiño de volta á Fraga pensamos cal é a que falta. Mamá pregúntame se vexo a Luana e eu dígolle que non , que falta a Luana. Mamá pensa que foi un ataque do lobo pero eu négome a pensar iso porque a quería moito.
A uns metros de entrar na Fraga as vacas páranse e non queren seguir. Forzámolas a ir e ao entrar no prado cerca da cancela hai sangue. Eu penso: tranquila Irea a Luana está viva. Mentres papá vai polo camiño que está ao lado da Fraga, Ada e eu quedamos coas vacas e fíxome en que se vai para arriba e empezan a cheirar. Eu vou xunto elas e vexo máis sangue. Póñome nerviosa e miro para os lados a ver se vexo a Luana. Vin os toxos con sangue e máis ao fondo estaba tirada a Luana co seu interior ao aire. Eu empecei a chorar e a gritar por papá. A Luana estaba morta comida polos lobos. Debeu pasar unha mala noite, correndo polo prado intentando escapar deles. Tiña nas patas as garras e os dentes deles. A Luana arrastrouse por debaixo do fío ata que acabaron coa súa vida.
Máis tarde díxenlle a papá que lle tiña cariño porque un verán iamos con eles ás mañás e mentres muxían, Ada e eu dabámoslle herba seca ás vacas que quixeran vir. Só se afixeron a vir a Luana e a Mazá. E neste 2014 as dúas se foron. A Mazá a principios e a Luana a finais de ano.
Este Nadal non foi dos mellores 
Composición de Irea Blanco Rodríguez (1º de ESO)
O Castro - Condes-

Notas:
1) Aínda que o texto foi escrito xa hai algúns meses, non fomos coñecedores del ata este mes de xuño no que a autora do mesmo permitiu a súa lectura e publicación.
2) A fotografía que ilustra o texto é o prado da Fraga en Pacios (S Pedro de Narla)

Ningún comentario:

Publicar un comentario