Un ano de moitas neves, tanto o raposo coma o lobo pasaron unas fames moi grandes. E falando delas, un día dixo o raposo:Compadre, o mellor que podemos facer é cavalo monte para ver se collemos pan para o gasto. Así, polo menos non morreremos de fame.¡Moi ben pensado compadre! – dixo o lobo – Pero, ¿que imos comer mentras esteamos traballando? Iso amáñase fácil. Cebamos un porco e así que fagámola matanza comezamos a cavar.Os dous estiveron de acordo e cebaron o porco, fixeron a matanza e foron enterralo para que ninguén o vise, pero deixáronlle o rabo fóra, non fose que despois non soubesen ben do sitio. Puxéronse a cavar. O lobo cavaba canto podía e facía moito traballo, máis o raposo, levando unha uciña de aquí para alí, non facía nada. Como o raposo é tan pillo, un día que lle entrou fame, díxolle ó lobo:¡Ei compadre! Parece que me chaman.E poñendo unha man na orella, como se fose para oír mellor, continuou:¡Ai, é vostede comadre! ¡Agora vou! ¡Agora vou!E dirixíndose ao lobo, dixo: É unha comadre miña que me chama para que sexa o padriño dun fillo que tivo. Xa ve compadre, non podo faltar, así que vou alá e logo veño.Pois vaia, vaia… que é unha obra de caridade!Marchou o raposo dereito ao porco e deuse unha boa fartura. Deitouse un pouco e cando lle pareceu, volveu para onde quedara o lobo dicíndolle:¡Ai, que cansado veño! ¡Canto ten un que padecer neste mundo de Deus! E logo, ¿como lle puxo ao afillado?- preguntou o lobo.Púxenlle Principiatis Pois é un nome ben bonito.Puxéronse a cavar outra vez e o pobre do lobo, que traballaba todo o que podía, sentiuse cansado e dixo: ¡Compadre! ¡Podiamos comer un anaco de cocho!¡Non, iso non pode ser! Se fartamos a barriga, despois non temos ganas de cavar. É mellor acabar o traballo e despois podémonos fartar ben – dixo o pillo raposo.Seguiron cavando e, de alí a un pouco, o raposo fixo como se o volvesen a chamar para outro bautizo. Marchou dereito ao cocho e deuse outra farta tan grande coma a primeira e durmiu outro bo anaco.Cando chegou xunto ao lobo, díxolle:¡É una desgraza ser tan caritativo! ¡ Veño que non me teño! ¡Tiven que ir moito máis lonxe ca antes!¡Pois descanse un pouco, compadre! ¿E como lle puxo o pequenotes? Púxenlle Segundatis ¡Pois aínda me gusta máis có outro! – contestou o lobo.Volveron ao traballo, e pola tarde, o raposo fixo que o chamaban outra vez para outro bautizo.E o que fixo foi acabar de comer o cocho. Cando durmiu dabondo, veu para onde se atopaba o lobo, e este preguntoulle: ¿Como lle puxo esta vez compadre? Púxenlle Rematatis. ¡Foi o último! – dixo o raposo.De alí a un pouco deron o traballo por acabado e decidiron ir comer.Chegaron a onde debía estar o porco e dixo o raposo: Vostede que ten máis forza… ¡Tire polo rabo, compadre!O lobo deu un tirón e marchou de cu para atrás, dicindo:Tanto tirei que lle arranquei o rabo!Empezaron a escarvar, pero o porco non aparecía e comezaron a rifar un co outro. O lobo botáballe a culpa ó raposo de que fora el quen comera o cocho cando fora aos bautizos, mentres que o raposo dicía que fora o lobo que se aproveitara de quedar só para comelo.Por fin o raposo puxo fin á discusión dicindo:¡Aquí non hai que discutir nada máis! Para saber a verdade, ímonos deitar coa barriga ao sol, e o primeiro que lle súe… foi quen comeu o cocho. ¡Xa está! – dixo o lobo que estaba seguro de que el non fora.Mais velaí o que aconteceu: o pobre do lobo, como estaba canso de traballar, en canto se deitou xa quedou durmido, roncando coma un crego en día de festa; pero o pillo do raposo como estaba ben descansado, non pechou os ollos. Cando lle pareceu, ergueuse moi a modiño, e foi e mexoulle na barriga do lobo, e despois volveuse deitar como se non pasara nada.Máis tarde fixo coma se espertara, facendo moito barullo e espreguizándose para que tamén espertase o lobo.¡Foi vostede quen o comeu, compadre! ¡Mire como lle súa a barriga!Entón o lobo, cando viu que tiña a barriga mollada, díxolle: ¡E máis comín, ho, pero foi sen darme conta!Entón o raposo comezou a queixarse de que lle ía moi mal¡Ai, compadre! ¡Que mal me atopo! ¡Vai ter que levarme ao lombo!Foi o lobo e colleu ao raposo ás costas, e como é tan pillo, facía que se queixaba moito, pero polo baixo ía cantando:¡Pirulín, piruleiro! ¡Comín o porco e vou caballero!¿Qué di meu compadre?Nada, nada, ho! ¡Delireo, delireo! – contestaba o raposo.Antonio (tío avó de Carlos)—80 vila de Palas
10 de feb. de 2011
OS BAUTIZOS DO RAPOSO
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario