12 de mar. de 2012

A pampurriña

Cando ían co gando para o monte, xuntábase o de todo o lugar.
Á hora de recollelo, cada dono ía polo seu rabaño. Chamaban por el (polo macho dominante) e xuntábano para levalo para a casa. Se faltaba algunha cabeza, por que se extraviaba, coa man esquerda daban golpes nas veigas invocando a un insecto diminuto chamado pampurriña dicindo e petando a un tempo no chan da veiga:
Pampurriña do pimpóm
dime se me ha vir o gando á noite á casa ou non.
Se me vén ponte na man
senón estate no chan.
Esperábase un pouco e se as pampurriñas che subían á man o gando viña e se non o facían o gando dábase por perdido.
A pampurriña como podemos observar na fotografía de wikifaunia.com -que é a que ilustra esta entrada -- é o coleóptero coñecido tamén como xoaniña, barrosiña, reirrei,...
Isto contoumo:
Álvaro Santos Ramos, de 32 anos da casa de Laxe no Sisto (Anxeriz). É un amigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario